Sin categoría

A nigranesa UARX Space, galardoada como a start-up con maior potencial de Galicia

A start-up UARX Space foi recoñecida nos Premios EmprendeXXI como a empresa de base tecnolóxica máis innovadora de Galicia. Estes galardóns cooutorgados por CaixaBank, a través de DayOne, a súa división especializada en empresas tecnolóxicas e os seus investidores, e o Ministerio de Industria e Turismo, a través de ENISA, celebran este ano a súa 17.ª edición. A entrega territorial dos Premios EmprendeXXI en Galicia conta co apoio da Xunta de Galicia, a través do Igape.

UARX Space é unha empresa de loxística aeroespacial que deseña e fabrica na súa sede en Nigrán sistemas para transportar satélites. Un dos seus dispensadores, que despregará tres satélites, participará no voo inaugural do foguete Ariane 6, da Axencia Espacial Europea, previsto para este ano. A CEO de UARX Space, Yanina Hallak, recolleu o galardón. O seu proxecto resultou seleccionado entre as 47 candidaturas que se presentaron aos galardóns en Galicia. Os Premios EmprendeXXI consolidáronse como os galardóns de referencia para o ecosistema emprendedor, tanto a escala nacional como autonómica.

Impulso a través de formación especializada en innovación

Con este galardón, UARX Space recibiu un premio en metálico de 6.000 euros e o acceso a un programa de formación nun hub de innovación de referencia global. Trátase de Moonshot Thinking for entrepreneurs, unha formación especialmente deseñada para start-ups con alto potencial de crecemento impartida por profesorado de ESADE.

Ademais, UARX Space tamén terá a oportunidade de participar nos Investors Day EmprendeXXI, unhas xornadas onde poderán manter contacto con investidores e empresas interesadas en colaborar co ecosistema emprendedor, e pasarán a formar parte da comunidade AlumniXXI, composta por fundadores e gañadores de edicións pasadas.

A entrega dos Premios EmprendeXXI, celebrada no marco do DayOne Innovation Summit Galicia, contou coa presenza da conselleira de Economía, Chus Lorenzana; o conselleiro delegado de ENISA, Borja Cabezón, e a directora comercial de Rede Galicia de CaixaBank, Marta Albela. O xurado encargado de seleccionar á empresa gañadora estivo composto por membros relevantes do ecosistema rexional de emprendemento e innovación, como Unirisco, XesGalicia, Bioga, Mestrelab ou Zendal.