O PSOE considera unha “incongruencia” de UCN pedir a suspensión dos Premios Nigrán

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // Foto de familia dos premiados.

O Partido Socialista de Nigrán denuncia a «absoluta incongruencia» de UCN ao pedir á Xunta Electoral a suspensión da gala dos “VIII Premios Nigrán” previstos para este sábado xa que o propio Antonio Comesaña, portavoz de UCN, os aprobou na Comisión Informativa de Asuntos Xerais celebrada este luns 22 de abril e na Xunta de Portavoces do 1 de abril, reunións nas que transcendeu a data da gala e se acordaron os homenaxeados.

«A data de entrega dos Premios Nigrán está posta dende hai máis tres meses e é a oitava edición celebrándose sempre entre abril e maio», engade Juan González, alcalde socialista de Nigrán, quen recorda que o sábado 27 de abril é a xornada de reflexión das eleccións xerais, «evidentemente a gala non procedería se fose nas semanas de campaña das locais ou no día de reflexión, pero non é o caso». «Un ano máis a Comisión elixiu por unanimidade aos cinco premiados, que se referendarán no pleno de hoxe, e a gala está dedicada a eles única e exclusivamente», explica González, quen lamenta o prexuízo que esta denuncia causa sobre a categoría dos propios premios e para os premiados, aos que se lles indicou esta data hai tempo.

«Esta denuncia vai en contra dos propios Premios Nigrán e dos galardoados porque se traslada á cidadanía a imaxe de que son premios políticos ou partidistas, cando se trata precisamente dun recoñecemento institucional acordado coa unanimidade de toda a corporación para homenaxear a persoas que traballan a prol do municipio», conclúe González.