Premio á mellor empanadilla de Nigrán

A Comisión de Festas de Priegue organiza este sábado, no Torreiro de Priegue, un evento gastronómico dedicado á empanadilla. Desde as 12:00 do mediodía poderanse degustar a variedade de empanadillas caseiras elaboradas por un novo cociñeiro emprendedor da parroquia que, segundo aseguran desde a comisión, non deixarán indiferente a ninguén que as probe.

A sesión vermú e a sesión “tardeo” será amenizada polo artista local San Eskalera co seu espectáculo “San só, unha historia de San Eskalera”.

A actividade central deste evento será o concurso para decidir cal é a mellor empanadilla de Nigrán, patrocinado por Euronics As Rexas. Desde a comisión animan a participar a todas esas persoas que consideren que as súas empanadillas son quen de levar o “título”. Haberá un xurado formado por persoas de relevancia na parroquia e unha persoa integrante do Goberno Local. O primeiro premio será unha freidora de aire, marca Ufesa. O prazo de inscrición é ata o venres día 10, no teléfono de contacto 663.44.68.79.

Ademais, faranse sorteos durante todo o día patrocinados por Estanco de Priegue “A Trece”, Asador A Landra, Salón de peiteado Sempre Estilo, e Conservas Orbes.

Tamén se poderán degustar os deliciosos churros de Churraría A Eulogia que poñerá o seu posto no torreiro da festa. Para os máis “peques” da casa haberá inchable.

Proximamente anunciarán o cartel da celebración do Día das Letras Galegas, o día 18 de maio, e prometen grandes sorpresas.