A Xunta elimina un punto de vertedura de augas residuais na contorna da praia de Patos

FOTO: PABLO F. ESTÉVEZ // Praia de Patos.

A Xunta eliminou un punto de vertedura de augas residuais na contorna da praia de Patos, no concello de Nigrán. Os técnicos do Plan de Control de Verteduras, dependente de Augas de Galicia, localizaron este foco tras a notificación dunha vertedura por parte do Servizo de Emerxencias do 112.

O persoal inspector localizou unha vertedura irregular cara a canalización de augas pluviais procedente dun inmoble, constatando a contaminación asociada á vertedura ao efectuar mostraxe do caudal que se vertía á canle. Augas de Galicia notificoulle a situación ao titular da vivenda, que procedeu á reparación dunha deficiencia nunha caldeira do inmoble.

Os inspectores autonómicos realizaron unha recente visita á zona e tomaron mostraxes, verificando a ausencia de contaminación neste punto.