A Xunta inviste 3,4 millóns en EPI’s e test de detección para loitar contra o coronavirus

O titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, preside a reunión do Consello da Xunta. San Caetano, Santiago de Compostela, 17/04/20.

O Consello da Xunta aprobou un investimento de 3.427.210 euros, para a contratación, polo trámite de emerxencia, de diversos materiais de protección destinados a profesionais e pacientes, así como test de detección do virus, para facer fronte á pandemia do COVID-19.

O obxecto desta iniciativa é efectuar a cuarta compra de materiais considerados imprescindibles, tales como os equipos de protección individual (máscaras respiratorias, batas de alta protección/impermeables), máscaras cirúrxicas, solucións desinfectantes luvas, así como test de detección, logo da compra que autorizou a semana pasada o Consello da Xunta por 8,2 millóns, ademais das realizadas en anteriores consellos por importes de 5,1 millóns de euros e 6,7 millóns de euros.

En concreto, este investimento que supera os 3,4 millóns de euros, supón unha compra de 538.100 unidades de máscaras cirúrxicas, 775.012 batas de protección/impermeables; 161.600 máscaras respiratorias (N95, FFP2 e FFP3); 23.040 litros de solución desinfectante de mans; 66.400 litros de solución desinfectante de superficies; 66.500 test rápidos de detección de COVID-19; 65.000 medios de transportes para virus e hisopos para COVID-19, e 100.000 luvas.

O Goberno galego subliña que os protocolos para a protección dos profesionais na presente crise sanitaria provocada polo coronavirus establecen a necesidade, en determinadas intervencións, do uso de equipos de protección individual, tales como batas de protección, máscaras respiratorias FFP2/3 e luvas de exame, xunto con solución hidroalcohólica desinfectante de mans e máscaras cirúrxicas para os pacientes con probable ou patoloxía confirmada. Ademais, cos test rápidos para a detección do virus, poderase mellorar o cribado na poboación.