O GALP Costa Brava visita o GALP da Ría de Vigo – A Guarda

O GALP da Ría de Vigo – A Guarda acolleu onte a visita do GALP Costa Brava. Nesta expedición participan representantes das Confrarías de Pescadores de Port de la Selva (secretaria), Llançà (patrón maior), Roses (investigadora), L’Escala (patrón maior), Palamós (xerente) e Cadaqués (socio). Tamén están presentes a Federación territorial de Confrarías de Pescadores de Girona (secretaria), o IRTA -Instituto de Investigación e Tecnoloxía Agroalimentaria- (investigadora), o Concello de L’Escala (concelleiro de Turismo e Promoción Económica), e o propio GALP de Costa Brava (co xerente e unha administrativa). Por parte dos GALP da Ría de Pontevedra, Ría de Arousa, e Ría de Vigo-A Guarda participan as xerencias e presidencias.

Os obxectivos desta visita foron principalmente tres: difundir o traballo desenvolvido por estes GALP no sector da Pesca e ensinar o desenvolvemento do programa cos fondos FEMP e FEMPA neste territorio; promover o contacto entre representantes dos diferentes GALP; e intercambiar coñecementos cos promotores dos proxectos e cos representantes do GALP.

Programa da visita

Esta visita se reparte en 3 días, comezando onte 17 de abril na Ría de Vigo – A Guarda co seguinte programa:

9:30 horas: Visita ao Museo da Conserva de ANFACO-CECOPESCA.

10.00 horas: Visita á empresa HQ Seaweed (esta empresa compra alga da costa galega, as envasa e vende en España e internacionalmente).

11.30 horas: Visita á Confraría de Vilaboa (para coñecer o proxecto de mellora do sistema de xestión das algas por parte da confraría mediante compostaxe, introducindo novos materiais orgánicos no seu proceso, permitindo mellorar a calidade e o valor agronómico do compost final, de cara a obter un produto que poida ter maior utilidade).

13.00 horas: Visita ao Concello de Baiona (para coñecer o proxecto “Algas de Baiona” que consistiu en diferentes accións relacionadas con esta planta, como visitas guiadas a zonas onde se cultivan, obradoiros e cursos de formación, xornadas de degustación e incluso libros de receitas e cursos de cociña).

14.00 horas: Degustación dun menú a base de algas.

16.00 horas: Visita ao Museo da Navegación de Baiona.

As xornadas do xoves 18 e o venres 19 se dedicarán a visitar o GALP da Ría de Pontevedra e o GALP da Ría de Arousa respectivamente.