O director médico do Centro de Talasoterapia Talaso Atlántico, Salvador Ramos, ampliou o programa de coidados integrais, que leva máis de dez anos desenvolvendo en pacientes oncolóxicos, a persoas con secuelas da COVID-19. En parte, algúns dos efectos secundarios que padecen os pacientes con cancro, como a fatiga crónica, a perda de masa muscular ou o estrés están presentes como secuelas da COVID-19. En ambos os dous casos é precisa unha atención multidiscplinar en diferentes niveis asistenciais, preferiblemente, fóra do ámbito hospitalario. Segundo Ramos, “de aí xorde a necesidade de poñer en marcha novos espazos e servizos para atendelos, sendo as contornas naturais como os balnearios e os talaso especialmente útiles. E é nestes lugares onde os afectados postcovid poden ser atendidos cun programa de coidados integrais”.
Salvador Ramos formou parte do equipo de traballo da Asociación Iberoamericana de Termalismo e Benestar (AITB), que desenvolveu e propuxo unha carteira de servizos termais e de benestar á mantenta da COVID-19. Dita carta de servizos foi presentada no II Congreso Internacional sobre Auga e Saúde, que tivo lugar en Termatalia Ourense. Nese mesmo foro, Talaso Atlántico presentou o seu programa de coidados integrais a persoas afectadas por cancro, como un modelo a seguir para atender ás persoas afectadas polas secuelas da COVID-19.
“Estes programas de coidados non substitúen, segundo explica Salvador Ramos, a atención médica que están a recibir estes pacientes, senón que a complementa, acompañándolles e guiándolles para mellorar a súa calidade de vida, obxectivo fundamental nas enfermidades crónicas”. “Trátase -continúa Ramos- de ofrecer un plan de coidados continuos atendendo aqueles aspectos que conleva a súa enfermidade e que con demasiada frecuencia non son valorados adecuadamente; todo iso baseado nas evidencias científicas dispoñibles e permanentemente actualizadas”.
O programa para pacientes con covid persistente parte dunha primeira valoración realizada por un equipo multidisciplinar que avalía os seus hábitos de vida, condición física e sintomatoloxía. Tras este estudo inicial, establécense pautas alimentarias, unha proposta de exercicio físico personalizada, técnicas de talasoterapia e fisioterapia acuática -en función da súa sintomatoloxía-, así como técnicas de relaxación e control do estrés.
A ampla experiencia de Salvador Ramos e de todo o seu equipo de profesionais no ámbito da medicina integrativa fai que Talaso Atlántico sexa recoñecido, na actualidade, como un dos centros termais españois máis implicados neste campo. De feito, coorganiza o Curso de verán da USC sobre medicina integrativa, que este verán celebrará a súa VI edición convertido nun foro e lugar de encontro, no que científicos, profesionais e pacientes poñen en común experiencias e avances neste campo; reivindicando a necesidade de humanizar o sistema sanitario actual, tan frío e tecnolóxico como o actual, para ofrecer unha atención centrada no paciente, xa sexa oncolóxico ou doutras patoloxías crónicas, como neste caso os afectados postcovid, ofrecéndolles un programa de coidados integrais, que o atendan en todas as súas dimensións e non só na da enfermidade enfermidade biolóxica.
“A situación post-pandemia na que nos atopamos, provocou un reto asistencial de primeiro nivel: a asistencia a enfermos a longo prazo e crónicos como os diagnosticados de covid persistente”, conclúe Salvador Ramos.

