Sin categoría

O hospital Ribera Povisa, premiado pola súa xestión das reservas de sangue

O hospital Ribera Povisa recibiu o recoñecemento do proxecto MAPBM (Maturity Assessment Model in Patient Blood Management) pola súa eficiente xestión e os seus excelentes índices no manexo médico e cirúrxico das reservas de sangue.

A xefa do servizo de Hematoloxía e Hemoterapia de Ribera Povisa, a doutora Violeta Turcu, e a hematóloga e responsable do banco de sangue, Cristina Insua, recolleron este xoves en Madrid o galardón na categoría de hospitais sen cirurxía cardíaca, no que xa foi finalista na edición de 2023, e que acredita ao hospital polo seu eficiente traballo e a súa boa práctica clínica no manexo do sangue do paciente sometido a un proceso cirúrxico.

“O sangue é un ben escaso, así que é un recurso que hai que usar con sabedoría. Un bo manexo do sangue salva vidas, por iso en Ribera Povisa traballamos desde 2017 con protocolos que nos axudan a utilizar este recurso de maneira moi eficiente”, destaca a doutora Turcu.

Un dos protocolos consiste en realizar unha consulta pre-cirúrxica de optimización da hemoglobina para os pacientes que van someterse a unha intervención laboriosa. Nesta consulta, coordinada pola hematóloga Cristina Insua, se se detectan indicios de anemia proponse un tratamento para solucionala e lograr que o paciente chegue nuns niveis mellores á cirurxía, co que se minimizan as posibilidades de necesitar unha transfusión.

Na sexta edición dos premios MAPBM, organizados polo proxecto Maturity Assessment Model in Pacient Blood Management e Vifor Pharma, premiouse o esforzo realizado por Ribera Povisa para mellorar os índices de calidade no manexo médico e cirúrxico das transfusións de sangue e, ao mesmo tempo, obter os mellores resultados en saúde e incrementar a seguridade dos pacientes, minimizando o risco no posoperatorio e reducindo a mortalidade.

O proxecto MAPBM deseñouse en 2014 co obxectivo de axudar aos hospitais a adecuar a súa práctica clínica para reducir as transfusións innecesarias ou evitables e mellorar así a calidade da atención sanitaria. Esta ferramenta avalía o grao de cumprimento e a eficacia dos “Patient Blood Management” (PBM) que se desenvolven en determinados hospitais españois comprometidos con esta filosofía.

Os Premios MAPBM de boas prácticas en PBM (Patient Blood Management) son convocados anualmente por CSL Vifor no marco do Programa MAPBM, co fin de recoñecer aos hospitais que mellor integran as estratexias PBM nos seus procesos asistenciais e obteñen mellores resultados en seguridade e eficiencia.

O sistema de valoración baséase no que establece o propio modelo de avaliación MAPBM, composto por indicadores obxectivos de resultado, proceso e estrutura, e está salvagardado por un Comité Técnico de Expertos independente a CSL Vifor. O obxectivo de CSL Vifor con estes premios é o de contribuír ao desenvolvemento e investigación no campo do Patient Blood Management.

O 50% das transfusións son evitables

A transfusión sanguínea é un procedemento habitual, pero que non está exento de complicacións como as infeccións, que retardan a evolución do paciente. Por iso, o Patient Blood Management (PBM) é a mellor estratexia para previr ou evitar a sobre transfusión nos hospitais e é unha recomendación da Organización Mundial da Saúde desde 2010 e da Unión Europea desde 2017. A posta en marcha dun programa de PBM é transversal a toda a organización e supón unha transformación de cultura organizativa.

Desde a OMS puxéronse en marcha estratexias a nivel internacional para optimizar este recurso e promóvese o desenvolvemento de programas multidisciplinares PBM para mellorar a evolución clínica do paciente sen recorrer a máis transfusións que as estritamente necesarias xa que, actualmente, calcúlase que máis do 50% das transfusións nas intervencións cirúrxicas son evitables.