O Concello de Gondomar pon a disposición da veciñanza un servizo de préstamo de máquinas trituradoras de residuos procedentes das podas. Deste xeito quen o solicite terá á súa disposición unha das 7 máquinas dispoñibles, 4 con alimentación eléctrica e 3 máis potentes con motor de gasolina, en función das necesidades. O período máximo de préstamo será de 5 días, e a solicitude deberá facerse a través do Rexistro do Concello, presencialmente ou a través da sede electrónica cubrindo o impreso correspondente.
O material resultante tras a trituración é un estruturante ideal para os composteiros, polo tanto no caso daqueles veciños ou veciñas que xa posúan un composteiro individual poderán facer un aproveitamento deste residuo. O residuo tamén pode ser usado como acolchado para protexer as raíces das árbores ou como elemento decorativo no xardín. O servizo de préstamo non inclúe nin a entrega nin a recollida da maquinaria, que irá a cargo da persoa solicitante.
Que restos se poden triturar?
Restos leñosos procedentes de podas domiciliarias: ramas de árbores froiteiras, vides, árbores e arbustos ornamentais e restos de xardinería.
Que non se pode triturar?
Restos verdes non leñosos, herba, restos de flores, follas, plantas con terróns. Restos de madeiras tratadas procedentes de mobles ou materias duras tales como ferros ou pedras.

