Sin categoría

A CEMMA rexistrou a cifra récord de 714 varamentos en Galicia no 2023

A posta en marcha da Rede de Varamentos de Galicia foi posible coa fundación no ano 1990 da Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (CEMMA). A Rede de Varamentos de Galicia conta co apoio da Fundación Biodiversidad e Ministerio para la Transición Ecológica, mediante o proxecto REVARGAL que é financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), e co apoio da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda da Xunta de Galicia.

A CEMMA é a única entidade autorizada para a participación na Rede de Varamentos de Galicia a través das autorizacións pertinentes da Xunta de Galicia e do Ministerio para la Transición Ecológica, dado que as especies que manexa están protexidas. As Unidades Móbiles da CEMMA manteñen unha atención permanente dos avisos de varamentos para o caso de asistencia inmediata fronte a calquera eventualidade. Para iso conta co número activo 24 horas 686 98 90 08 e coa conexión directa co teléfono de emerxencias 112 SOS Galicia.

Varamentos 2023

O número de varamentos rexistrados en Galicia no 2023 foi de 714 exemplares de todas as especies, sendo a maioría cetáceos (86%), mais tamén tartarugas mariñas (3,5%), lobos mariños (1,7%), lontras (1,4%) e peixes (7,1%). Estas cifras supoñen un incremento espectacular con respecto a calquera ano anterior e máis do dobre da media anual situada nos 270 exemplares.

Por concellos normalmente é Ribeira o que rexistra máis frecuencia pero superan os 20 exemplares anuais: Fisterra, Sanxenxo, Carnota, Porto do Son, Ferrol, O Grove, Vigo, Muros e Malpica, normalmente son concellos que rexistran un maior número ao atoparse nas bocas da ría, cara dentro vai descendendo o número.

A maioría dos exemplares varados son de golfiño común, Delphinus delphis, máis do 63%, cun incremento tamén desta especie respecto a anos anteriores. Está seguido de arroaz, Tursiops truncatus, o rexistro desta especie duplicou a media anual dos anos anteriores. En cambio outras especies como o caldeirón, Globicephala melas, e o arroaz boto, Grampus griseus, non foron rexistrados varados.

Cabe destacar a alta presenza de cifios, algúns deles mortos por plásticos inxeridos e algunhas especies raras nestas latitudes como o arroaz pinto, Lagenorhynchus acutus.

A maioría dos cetáceos apareceron varados mortos e moitos deles en avanzado estado de descomposición polo que se descoñece a causa da morte. O 8% foron rexistrados con vida, pero o alto número fai que as cifras sexan desorbitadas, con 46 exemplares vivos que foron reintroducidos no mar e que sobreviviron na maior parte dos casos. No caso das tartarugas mariñas e lobos mariños foron ingresados para devolvelos ao mar rehabilitados.

Máis do 40% presentaban indicios de morte por captura accidental en faenas pesqueiras e mesmo foron entregados á Rede de Varamentos para o seu estudo, e outros indicios de mortalidade a causa de enfermidades naturais.

Incremento en decembro e cambio de tendencia

O forte incremento en decembro dos varamentos amosa un feito puntual definido como varamento múltiple onde as circunstancias do movemento dos animais e os temporais xuntan moitos corpos na costa. Mais este feito, de máis de 40 exemplares varados en menos de 15 días e centrados na Ría de Arousa, sendo grave non é o que cambia a tendencia dos varamentos neste ano. Realmente o cambio de tendencia é o alto incremento da presenza dos golfiños comúns moi preto da costa no verán o que ocasionou moitos varamentos de diferente tipo.

Agradecementos

Cabe destacar o labor das Agrupacións de Protección Civil dos concellos, Axentes ambientais do Ministerio e Gardería de medio ambiente da Xunta de Galicia que colaboran estreitamente coa CEMMA na detección e na asistencia en primeira instancia aos exemplares varados.