Sin categoría

Canastras por alimentos no Pavillón de Panxón

Novo éxito do Torneo Solidario “Encesta un alimento” organizado polo CB Nigrán, que vai xa pola súa IX edición. O Pavillón Municipal de Panxón acolleu durante dous días, 22 e 23 de decembro, a preto de 600 nenos e nenas que gozaron practicando o seu deporte favorito e forxando ademais un importante carácter solidario, xa que cada un dos participantes achegaron alimentos non perecedoiros co fin de ser entregados ao Banco de Alimentos. Máis de 48 horas de baloncesto, 54 equipos de Basket, e preto de 600 xogadores e xogadoras. Trátase do torneo máis grande organizado polo club de baloncesto nigranense, que contou de novo coa colaboración da Federación Galega de Baloncesto e o Concello de Nigrán. Desde a categoría baby ata a categoría júnior, pasando polas categorías benxamín, alevín e infantil, desfilaron polo polideportivo municipal diferentes clubs para disputar partidos e compartir dúas xornadas de deporte, solidariedade, convivencia e festa.

Os encontros foron arbitrados por colexiados da Federación Galega de Baloncesto e árbitros en formación que participaron de xeito voluntario e desinteresado. Ademais destes encontros deportivos realizáronse diferentes sorteos de agasallos. Ao acto de clausura asistiu o alcalde de Nigrán xunto a outros concelleiros e concelleiras, que fixeron entrega a cada neno/a participante dunha medalla que acreditaba a súa participación no torneo. Dende o Club Baloncesto Nigrán queren dar as grazas a todos os voluntarios e voluntarias do club que estiveron colaborando no pavillón durante os dous días de torneo, aos clubs por asistir, a os nenos e nenas por participar e a todas as súas familias por acompañalos. A totalidade dos alimentos recollidos serán entregados ao Banco de Alimentos co fin de ser destinados ás familias máis necesitadas.