O Tribunal Administrativo de Contratación Pública de Galicia, adoptou por unanimidade a suspensión cautelar do proceso de licitación do servizo de recollida de residuos sólidos urbanos, limpeza viaria e de praias, mediante Resolución 81/23 ditada o día 13/12, como consecuencia do recurso exposto pola concelleira e portavoz o grupo municipal do Partido Popular, Mª José Pino. Dita suspensión cautelar foi solicitada ante o Tribunal, polos posibles prexuízos económicos que puidesen derivarse para os intereses municipais, “dado que se tratan duns Pregos de dubidosa legalidade en base aos informes emitidos polos técnicos municipais, así como os reparos suspensivos do Interventor, o que, á espera do pronunciamento definitivo do citado Tribunal, mostramos inicialmente a nosa satisfacción, xa que denunciamos no pleno de aprobación as múltiples irregularidades do expediente, polo que o PP votou en contra”.
“Entre outros, por unha tramitación totalmente opaca e sen transparencia nin participación algunha da oposición, cuns pregos encargados a unha consultora externa por contrato menor (a dedo) -cando o Concello ten técnicos cualificados suficientes-, en ningún momento creouse unha comisión de estudo deste contrato composta por técnicos, concelleiros e aberta á participación veciñal cuxa importancia orzamentaria e impacto veciñal e do comercio local así o aconsella e que debería impulsar o propio alcalde en coherencia con esa imaxe buenista e de xestor honorable que tanto lle gusta publicitar. Non inclúe os residuos de téxtil nin contedor marrón, obrigatorio para as entidades locais a partir do 31/12/2024, non inclúe a fracción de biorresiduos de orixe doméstica, nin tampouco os aceites usados e non inclúe a totalidade do tratamento separado dos residuos orgánicos etc., e resulta lamentable e moi grave, que 3 anos despois de finalizar o contrato siga aínda pagándose de forma irregular por un contrato en precario”, critican os populares.
Mestúrase a limpeza viaria e de praias coa recollida de residuos sólidos urbanos, que debería dar lugar a dous contratos distintos, xa que as obrigacións e financiamento de ambos os dous servizos non gardan relación, debido a que só a recollida de residuos repercute no contribuínte, como xa advirten os técnicos (secretario, interventor e técnico de contratación) nos seus informes. “Trátase dun contrato moi prexudicial para os veciños de Nigrán, mal dimensionado e que non responde as necesidades do municipio, economicamente inasumible, un importe anual de 3.295.611€ (32.956.110 en 10 anos), cun incremento de máis do 150% en relación co actual contrato adxudicado en 2004 e por importe anual de 1.278.000€, obrigando a un brutal incremento que repercutirá no recibo de lixos que podería superar a 300€ vivenda/ano (78,25 actuais), que terán que pagar os veciños de Nigrán, e que se preparen os locais de negocio que o pau será maior. Ademais, exponse un único contrato cando debería independizarse a recollida de lixos da limpeza viaria e de praias en lotes separados”.
“Resultan excesivos os criterios de puntuación das ofertas mediante xuízos de valor, onde existen criterios subxectivos con puntuacións de ata un 14% do total, o que pode provocar unha marxe de discrecionalidade demasiado amplo, incumprindo o art. 145.5 letra b) da Lei de Contratos do Sector Público. Tampouco se acredita o persoal para subrogar nin están debidamente detallados os conceptos retributivos (salarios, pluses, complementos, atrasos etc), nin tampouco o cumprimento do convenio colectivo onde entre outros, no seu art. 12 apartado 1.7 “cláusulas de revisión salarial”, anos 2021, 2022 e 2023, non figuran detallados os custos salariais, coa posible repercusión negativa para o persoal durante a vixencia do contrato (10) ao non contemplar revisión de prezos, o que puidese dar lugar a conflitos na negociación colectiva do persoal, así como posibles prexuízos económicos para os traballadores”, conclúen desde o PP.

