Anuncios
Ticker de novas

Zurita dá o primeiro triunfo do ano ao Club Ciclista Rías Baixas

FOTO: CLUB CICLISTA RÍAS BAIXAS // Zurita no Memorial Manuel Sanroma.

Inmellorable inicio de tempada para o Club Ciclista Rías Baixas. Francesc Zurita adxudicouse este domingo a clasificación xeral final do Memorial Manuel Sanroma tras lograr a segunda posición na última etapa. A colleita de éxitos da entidade presidida por José Luis Chamorro na localidade cidaderrealeña de Almagro completouna David Galarreta, gañador da clasificación da montaña.

Zurita, cuarto na primeira xornada, chegaba ao segundo día coas súas opcións intactas de anotarse a xeral. Con todo, tivo que sobrepoñerse a unha complicada situación nos 145 quilómetros, con saída e chegada en Almagro. Antes da ascensión á principal dificultade motañosa da etapa, o Alto de Hortezuelas no km 89, o corredor catalán sufriu unha avaría mecánica que lle obrigou a recuperar un minuto de desvantaxe.

As ramplas desta subida de 2ª categoría afrontounas en solitario Galarreta, que se moveu por diante á altura do quilómetro 50. O cántabro coroou en solitario Horcazuelas con dous minutos de vantaxe sobre un grupo de vinte unidades co que conseguiu contactar Zurita.

Unha vez asegurada a camisola da montaña, Galarreta levantou o pé e foi neutralizado polo grupo perseguidor, ao que se uniu outra trintena de corredores cunha ampla representación do Club Ciclista Rías Baixas. De aí ata a meta de Almagro, a formación dirixida por Iván Rodríguez encargouse de controlar a carreira para chegar ao sprint.

O triunfo parcial decidiuse nun sprint masivo. Zurita obtivo a segunda praza por detrás do italiano Giuliano Kamberaj (Polartec Kometa). O líder Ángel Fuertes (Baqué) tamén entrou no pelotón, pero o puestómetro outorgou a Zurita a primeira posición na xeral. Deste xeito, o Club Ciclista Rías Baixas asinou unha vitoria moi especial, por tratarse da primeira do curso e por lograla na comunidade autónoma dun dos seus patrocinadores, a cafeteira toledana Qualery.

“Estou moi contento, aínda que sendo honesto, faltoume entrar en meta levantando os brazos”, indicou o Zurita. O xerundense dá moito valor a este éxito por chegar “despois dun ano cheo de adversidades. Esta vitoria é a mellor forma de devolverlle ao equipo toda a confianza que depositou en min”.

Anuncios