Sin categoría

A rehabilitación do antigo matadoiro de Gondomar, premiada no certame Gran de Area 2023

As Delegacións de Ourense, Pontevedra e Vigo do Colexio de Arquitectos de Galicia fallan os galardóns dos Premios Gran de Area de Aportación á Arquitectura 2023. Estas distincións supoñen un recoñecemento ao labor conxunto e necesario de todos os axentes que interveñen no proceso de xestación e construción dunha obra de arquitectura de calidade desenvolta nas demarcacións de Vigo, Pontevedra e Ourense. O obxecto do certame é destacar o valor da obra arquitectónica, unha “pequena pero importante aportación á arquitectura, á creación e á posta en valor da contorna”.

Despois de horas de intensas liberacións, o xurado seleccionou 13 obras (7 situadas na área de Vigo, 3 na área de Pontevedra e 3 na área de Ourense). Entre elas está a rehabilitación e posta en valor do antigo matadoiro de Gondomar, dos arquitectos Santos Vila González e Rosa Mouriño Pérez. Prémiase a actuación sobre un edifico industrial en desuso que se rehabilita como espazo dotacional polivalente de uso público, revitalizando unha contorna degradada da vila de Gondomar, logrando un fantástico resultado, exemplo de obra pública e recuperación patrimonial de baixo presuposto.

O antigo matadoiro municipal de Gondomar, obra que data de finais dos anos corenta do arquitecto Enrique Álvarez-Sala y Moris, atopábase en desuso dende hai máis de 15 anos. Polo seu valor histórico e arquitectónico e a súa posición en relación á Vila de Gondomar, proponse a súa conservación e rehabilitación. Conta con unha posición estratéxica no centro urbano da Vila de Gondomar, polo que se presenta coma un emprazamento idóneo para a localización dunha dotación municipal vencellada ao río e os seus recursos, así como á recuperación da identidade labrega da Vila.

A rehabilitación integral, necesaria para acadar un uso axeitado, tivo en conta, por unha banda, a súa tipoloxía edificatoria, edificio en planta de forma de U, pero sobre todo a súa posición respecto do río Zamáns e Morgadáns, que provoca que en época de chuvias se produce o asolagamento do ámbito e do propio edificio. Esta situación condiciona o uso e actividades aos que se pode destinar o edificio. O proxecto de rehabilitación asumiu a realidade de que o edificio se pode asolagar uns días o ano, e proxéctase a rehabilitación do edificio entendendo este como un contedor no que se poden desenvolver distintas actividades, pero non se pode destinar a un uso concreto e estable no tempo.

A intervención pensou o edificio como un espazo polivalente, un posible espazo didáctico e cultural onde poder amosar os recursos hídricos da Vila e o patrimonio cultural da mesma, ou un espazo onde poder facer actividades sociais, exposicións, mostras de produtos típicos, así como calquera outra que de acordo cos condicionantes de asolagamento e posición do edificio sexan posibles. O proxecto se desenvolveu en 5 fases de execución de forma que a actuación se puidese financiar con distintas subvencións. Recuperouse o edificio orixinal eliminando os engadidos realizados durante a súa vida útil como matadoiro. Liberouse o espazo interior do edificio coa idea de crear ese espazo contedor que poida albergar os distintos usos polivalentes que se poden desenvolver e acondicionouse o edificio instalando un sistema de peche e iluminación.

Este ano presentáronse 71 proxectos de moi diversas escalas e localizacións, que son o resultado que aglutina o mellor dos arquitectos e das arquitectas, pero tamén de todos os axentes de obra que os acompañan no proceso construtivo, como son os aparelladores, promotores, enxeñeiros, construtores e demais axentes participantes. Trátase de obras de carácter urbano, habitacional, industrial, comercial ou paisaxístico, e con escalas tamén moi diferentes, desde pequenas intervencións, case estratéxicas, a outras que mesmo resolven espazos urbanos a escala de cidade.

O xurado do concurso estivo composto polos presidentes das Delegacións de Pontevedra e Ourense, Anselmo Villanueva e Emma Noriega; a tesoureira da Delegación de Vigo en substitución do seu presidente, Sonia Alvarado; Alexandra Estefanía Vázquez, colexiada seleccionada entre os premiados dos Premios Gran de Area da edición anterior, consensuado polas tres delegacións; un colexiado de cada delegación seleccionado pola súa Xunta Directiva: Lucía Araujo por Pontevedra, Iago Fernández por Ourense, e Joana Covelo por Vigo; e o secretario da Delegación de Ourense, Antonio Piñeiro, que actuou como secretario do xurado. Segundo a súa valoración, nesta edición os proxectos destacaron en aspectos fundamentais como a recuperación do contorno, o uso de prácticas sostibles e a rehabilitación fronte á obra nova. “Son proxectos que buscan mellorar a calidade de vida, ter un menor impacto ambiental e poñer en valor a contribución de promotores e do resto de axentes que interveñen para facelos posible” -manifestou o xurado-.

Os premios Gran de Area naceron en Vigo no ano 2001 co obxecto de poñer en valor e contribuír á harmonía entre arquitecto e promotor, e para acadar o mellor resultado arquitectónico e construtivo posible, converténdose na maior aposta e pulo para o recoñecemento social desta disciplina. Dada a expectación que xeraron, o certame ampliouse as delegacións de Pontevedra e Ourense.