
O Galego de Rallyes chega á súa conclusión esta fin de semana no Rallye Ribeira – Ría de Arousa, unha proba onde Alberto Meira, gañador da primeira edición disputada en 2021, quererá anotarse un novo triunfo, que sería o cuarto consecutivo nun final de tempada inmellorable para o equipo AMF Motorsport. Ademais diso, ten ante si a posibilidade de conseguir o pleno de triunfos no Supercampionato Galego R5 impoñéndose nas nove citas puntuables.
Acompañado do seu habitual Avelino Martínez no asento da dereita, Meira enfrontarase a outros tres equipos rivais por ver quen remata o ano no máis alto do podio e que lle obrigarán a empregarse a fondo polas estradas arousás.
O piloto de Vincios describe así este último envite da tempada: “É un rallye que me gusta moito, rápido, con bo firme e tramos onde se pode correr cómodo. Ademais, é un rallye que conta con moita afección, así que sempre é bonito ver as cunetas cheas de xente. As condicións parece que serán favorables, así que trataremos de dar o mellor de nós mesmos para agradecer aos nosos patrocinadores o seu apoio cunha vitoria máis”.
A cita arousá disputarase como vén sendo habitual en dúas xornadas, sábado e domingo, ao contrario que o resto de probas autonómicas, e que poñerá un bonito broche final á tempada en Galicia.