O PP reclama un novo período de exposición pública do PXOM de Nigrán

O Partido Popular de Nigrán, a través da súa portavoz municipal María José Pino, desexa manifestar a súa postura sobre a situación do novo Plan Xeral de Nigrán tras a celebración do último pleno municipal. Durante a celebración do mesmo, desde o grupo municipal popular apoiouse unha moción presentada polo BNG solicitando o establecemento dun novo período de exposición pública do documento previo á súa aprobación inicial.

Este apoio veu dado despois dun longo proceso de reflexión e atendendo aos seguintes feitos:

Durante as últimas semanas, un enorme número de veciños e veciñas do municipio acudiron á sede do partido solicitando información sobre o documento, (xa que desde a corporación socialista mantense unha política de opacidade sobre o mesmo) evidenciando defectos claramente visibles (dobre ordenanza de leiras, cambios inxustificados na catalogación de parcelas respecto ao documento de 2013, evidencias de tratos de favor cara a certos particulares, etc).

Desde a corporación socialista tentouse por todos os medios manter oculto o documento, publicando unicamente unha parte ínfima do mesmo e negando aos veciños e veciñas, asociacións de veciños, e mesmo aos membros dos grupos da oposición os documentos pendentes. Ante esta dantesca situación, desde o Partido Popular de Nigrán solicitouse en numerosas ocasións o acceso á totalidade da documentación, xa sexa nos plenos municipais ou por rexistro. Finalmente, tras meses de espera, a documentación foi facilitada o pasado luns 23 de outubro.

Existe un risco evidente de que os cambios introducidos con respecto ao plan de 2013 sexan considerados substanciais en caso da xudicialización do mesmo, o que supoñería a anulación total do documento, provocando a volta ao momento de partida, algo que Nigrán non se pode permitir.

O establecemento dun novo proceso de exposición pública supoñería un atraso na aprobación definitiva, pero dotaría dunha maior seguridade xurídica, dando a oportunidade aos veciños e veciñas que senten prexudicados polo actual documento. A maiores, desde o grupo popular denúncianse as mentiras do Alcalde Juan González, que vén repetindo que un novo período de exposición supoñería un atraso de ata 10 anos, afirmación falsa de xeito evidente atendendo a casos como o de Baiona, que tras abrir un segundo período de exposición pública aprobou o seu PXOM en pouco máis dun ano.

Desde o Partido Popular de Nigrán maniféstase a total convicción de que o Concello de Nigrán precisa un novo PXOM que favoreza o desenvolvemento urbano, social e económico do municipio. Con todo, consideran que o actual documento, de aprobarse no seu estado actual, tería moitísimas posibilidades de ser anulado ante calquera denuncia, polo que se lle reclama ao Alcalde Juan González a apertura dun novo período de exposición pública e unha rápida xestión dos trámites posteriores para canalizar definitivamente a aprobación do novo PXOM.