Sin categoría

O Xulgado admite a trámite o recurso do PP contra os decretos dos salarios do goberno de Gondomar

O Xulgado Contencioso Administrativo nº 2 de Vigo vén de admitir a trámite o Recurso Contencioso-administrativo contra os Decretos do Alcalde 2023-0992 e 2023-0998 de 12 de xullo, sobre as dedicacións exclusivas e parciais e a auto-asignación de retribucións, así como contra a Resolución de alcaldía de 30 de agosto mediante a cal Paco Ferreira desestimou os recursos de reposición interpostos polo Partido Popular o pasado 31 de xullo. Con esta decisión o xulgado solicita ao Concello de Gondomar que lle remita o correspondente expediente e decide tramitar este recurso polo procedemento ordinario.

O pasado 12 xullo o alcalde Paco Ferreira asinou por decreto o seu soldo de 50.000 euros anuais, ademais de catro dedicacións exclusivas de 32.000 euros para os concelleiros Iria Lamas, Nuria Lameiro, Brais Misa e Rocío Goberna, e unha dedicación parcial de 16.000 euros para José Manuel Chamorro. Daquela Paula Bouzós, en representación do Partido Popular de Gondomar, presentou un recurso de reposición que foi rexeitado polo alcalde. Por este motivo, o Partido Popular decidiu presentar no xulgado un recurso contencioso administrativo contra os citados acordos, ao entender que o alcalde Paco Ferreira estaba usurpando as competencias do Pleno da Corporación Municipal.

Paula Bouzós lamenta “ter que chegar a estes extremos ante unha actitude totalmente ditatorial do Sr. Alcalde, que despois de varios meses de lexislatura segue na mesma actitude de desprezo á oposición e sen ningunha intención de chegar a consensos e non querer escoitar nin á propia oposición nin aos veciños de Gondomar”.

Os populares xa avisaron no seu día ao rexedor que chegarían con este asunto ata onde fixese falta, xa que non consentirían que o alcalde tentase eludir ao pleno da corporación municipal, evidenciando deste xeito a nula capacidade que ten para chegar a acordos. Engade a voceira popular que “seguimos comprobando que, a pesar de non ter maioría absoluta como na anterior lexislatura, Paco Ferreira non vai mudar a súa forma de gobernar, desprezando constantemente a acción da oposición e tratando de botar a culpa da súa total incapacidade aos demais”.