O Concello de Nigrán amplía o programa “Paseando Nigrán” fóra do municipio para así organizar unha peregrinaxe a Santiago de Compostela desde A Guarda en seis etapas independentes polo Camiño Portugués pola Costa que comprenderán todos os sábados desde este 7 de outubro ao 11 de novembro. O obxectivo é fomentar os hábitos saudables ao tempo que se favorece a socialización e o coñecemento do noso patrimonio material e inmaterial.
O custe total é de 50 € e inclúe o autobús de ida e volta de cada etapa (saída e regreso na Oficina de Turismo Dunas de Gaifar) e a tramitación da credencial oficial do peregrino. O prazo de inscrición xa está aberto a través dun formulario web en http://www.nigran.es tendo prioridade os empadroados e asistentes ao programa “Paseando Nigrán”, e o pago debe efectuarse o venres 6 de outubro na Oficina de Turismo de Gaifar de 8:00 a 13:30 horas.
As etapas son de 20-30 km cada unha, polo que é preciso atoparse en boas condicións físicas, e realizaranse en horario matinal. Ademais, cada asistente debe levar o seu propio avituallamento e chaleco reflectante. Este sábado sería desde A Guarda a Baiona; o sábado 14 de Baiona a Vigo; o sábado 21 Vigo-Pontevedra; o 28 Pontevedra-Caldas; o sábado 4 de novembro Caldas-A Esclavitude e, finalmente, o sábado 11 de novembro A Esclavitude-Santiago de Compostela.


