Sin categoría

Os socialistas denuncian que a Xunta provocou “deliberadamente” que Baiona perdera 2,1 millóns de euros

A portavoz de turismo do Grupo Socialista, Leticia Gallego, acusou este venres ao goberno galego de provocar que Baiona perdera 2,1 millóns de euros de axudas europeas para impulsar o turismo en destino. Gallego presentou unha pregunta oral no Parlamento na que denunciou que a Xunta outorgoulle á solicitude da vila unha puntuación deliberadamente baixa para que quedara fóra da convocatoria deste ano porque tiña un alcalde socialista.

A responsable socialista comezou denunciando a utilización partidista do Parlamento por parte do goberno galego, que se negou a responder a esta pregunta oral aprazándoa na anterior sesión da Comisión do Parlamento porque tiña lugar xusto antes das eleccións municipais. Acusou ao goberno galego de poñer “paus nas rodas” dos concellos socialistas, desta volta ademais tirando a pedra e agochando a man para evitar dar conta antes da convocatoria electoral.

Explicou que a convocatoria de axudas do Plan de Sustentabilidade Turística en Destino para cascos históricos e vilas termais, con cargo aos fondos europeos Next Generation EU, tiña que ser baremado pola Secretaría de Estado de Turismo, que lle concedeu 76 puntos, pola Fegamp, que lle concedeu 72, e tamén pola Xunta, que só lle deu 63 puntos para que non acadara o mínimo de 70 puntos para optar á convocatoria de fondos.

Acusou ao novo director xeral de Turismo de ofrecer escusas de mal pagador, ao xustificar o baixo baremo por un suposto criterio de mantemento. Explicou que o proxecto consistía en revitalizar o casco histórico, embelecendo a zona monumental, dixitalizala e mellorar servizos, e subliñou que “dixitalizar non é mantemento”.

Sinalou que o obxectivo principal do goberno galego debera ser transformar e modernizar o sector turístico en Galicia a través da sustentabilidade e da dixitalización, aumentando a súa competitividade, “pero pola contra o que fai é poñer trabas a algúns concellos” demostrando que “xestionan con criterios exclusivamente políticos”.

Contrapuxo esta xestión caracterizada pola “opacidade e escurantismo total” coa transparencia e o impulso do goberno de España, que está a financiar 34 destinos turísticos en Galicia, cun investimento de 85 millóns de euros. Sinalou que o goberno presidido por Pedro Sánchez destinou dende 2020 un total de 200 millóns de euros de investimento para o desenvolvemento turístico en destino.