Preséntase en Gondomar a curtametraxe “Os Uruguaios viñeron despois”

O próximo venres 4 de outubro, ás 20:30 horas no Auditorio Lois Tobío de Gondomar, presentarase a curtametraxe “Os Uruguaios viñeron despois”. Con guión de Pablo Casal e producida por ÑO¡ ESPAZO CREATIVO e o propio Pablo Casal, esta é a segunda curta do autor. No 2014 xunto con Ollomol Audiovisual estrearon “Auga, Terra… Aire (A Bolsa)”. O acto será presentado pola xornalista e guionista gondomareña Araceli Gonda.

Este traballo foi realizado ao longo de case catro anos por persoas que viven na súa meirande parte en Gondomar. Todas as localizacións e escenas graváronse neste concello.

Esta tolemia histórico-medioambiental reflicte as nosas inquedanzas e desacougos como habitantes do Val de Miñor, como cidadáns galegos , en contra da deforestación e do empobrecemento da terra. Temos moitos recursos naturais que non se aproveitan porque vivimos esencialmente de costas á natureza, instaurados en permanente posición de presunta superioridade e depredación.

Antes tiñamos unha paisaxe en mosaico. As estacións coloreaban a vida, primavera e outono eran un espectáculo, ante os nosos ollos despregábase unha vizosa paleta de cores, chea de matices, as forestas prognosticaban a estacionalidade. Todo isto fixábanos máis a terra, ao mundo, fidelizábanos, uníanos… logo chegaron tempos de depredación, de monocromía, dun único RAL, de cultivos aliñados marcialmente dispostos a abrir FOGO. Agora seica tocamos fondo e parece que hai esperanza, en xeral albíscanse cambios e unha volta ás raíces… imos ver…

Unha alternativa ao irracional proceso despilfarrador dos recursos naturais pasa pola correcta xestión da compostaxe da materia orgánica que producimos a diario.

A vida, tal e como a coñecemos, sería inviable sen a sempiterna descomposición da materia orgánica e a súa reintegración nos novos procesos vitais… a retro-alimentación permanente… eterna.

Ao mesmo tempo, queren amosar o seu respecto e recoñecemento a todos aqueles e aquelas que dende a distancia fixeron país, e afondaron nas raíces e nos valores da cultura galega vencellada cos pobos que os acollían (Uruguai, Arxentina, Venezuela, Cuba, México…).

Para a realización da curtametraxe non contaron con financiamento externo, polo que os seus autores agradecen calquera achega para axudar a sufragar os gastos derivados da edición, montaxe, gravación e maquetación. A conta para colaborar é ES03 2080 1194 6130 4001 3843. As persoas que colaboren cunha doazón a partir de dez euros terán un agasallo vencellado coa curtametraxe.

Anuncios