A sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra, con sede en Vigo, condenou a 21 anos de cárcere o home que matou a coiteladas a súa muller en decembro de 2020 en Gondomar. De acordo co veredicto do Tribunal do Xurado, foi sentenciado como autor dun delito de asasinato, coa concorrencia das agravantes de parentesco e de xénero. Ademais, a Audiencia acordou prorrogar a privación da patria potestade ou posibilidade de obtela en relación cun dos fillos do condenado e da vítima, co que tampouco poderá comunicarse nin aproximarse a el a menos de 200 metros do seu domicilio ou lugares que frecuente durante 26 anos. En canto á indemnización, impúxolle o pagamento dun total de 300.000 euros aos seus dous fillos.
A maxistrada presidenta do Tribunal do Xurado explica no apartado de feitos probados da sentenza que atacou a súa esposa “co propósito de acabar coa súa vida” e movido por razóns “de dominación e desprezo cara a ela pola súa condición feminina”. Na parte dispositiva salienta que “lle gritaba e a humillaba de forma habitual” e que decidiu matala “como acto de imposición e dominio”.
Os membros do Xurado entenderon acreditado que a vítima “non tivo posibilidade de defenderse da agresión” do seu marido cunha arma cortante debido a que padecía obesidade mórbida e artrose, circunstancias que anulaban “a súa capacidade de defensa” e das que o condenado se aproveitou. Para chegaren a esta conclusión, os membros do tribunal baseáronse, segundo indica a maxistrada presidenta, no informe forense, “no cal se fai constar que non hai signos de ataque da vítima ao acusado” e no que se conclúe que era “imposible que puidese fuxir” a causa das súas patoloxías.
“Da forma do ataque e das feridas causadas deducen os xurados, conforme a lóxica e a razón, a intención de matar a súa esposa que guiaba ao acusado”, indica a maxistrada presidenta, quen incide en que o feito de que os xurados declaren probado que, antes do ataque, a muller colleu un coitelo para defenderse ante un empuxón do seu marido e apreciasen lesións de defensa, “non elimina a concorrencia da aleivosía, visto que ante a agresión co coitelo por parte do seu esposo, as limitacións da vítima, segundo os xurados, impedíanlle fuxir e defenderse de forma eficaz”. De feito, estimaron que “non hai signos de que atacase ao seu marido”, así como que as lesións de defensa que tiña nas mans eran “mínimas” e compatibles “con intentos defensivos nados do propio instinto de conservación, pero sen eficacia verdadeira contra o agresor e a acción homicida”.
A maxistrada recalca que “non existiu, segundo os xurados, a posibilidade dunha resistencia minimamente eficaz, ou dunha defensa real que puidese provir da propia vítima”, polo que asegura que “concorre a agravante de aleivosía que cualifica o asasinato”. En canto á intención do acusado de causar a morte á súa muller, afirma que non cabe outra dedución, “atendendo á natureza do instrumento empregado, as zonas do corpo da vítima ás que dirixiu o ataque e as numerosas puñaladas e a súa entidade”.

