Detectan entullo na parroquia de Vilaza denunciado hai meses

Voluntarias/os de Proxecto Ríos de Gondomar, fixeron onte pola tarde unha primeira prospección de varias que farán esta semana para avaliar as zonas de recollida de lixo para que o próximo domingo a “XIII Xornada de Limpeza Simultánea de Ríos” sexa todo un éxito, como en edicións anteriores. As xornadas, un ano máis, están organizadas por Adega e Proxecto Ríos, en diferentes concellos e cursos fluviais galegos.

Nesta prospección apreciaron que un entullo denunciado polos voluntarios/as hai meses na parroquia de Vilaza (Tercias) segue a ser unha ameaza para os ecosistemas ribeireños e, por suposto, para todos nós, xa que non se retirou. “É lamentable que este tipo de actuacións (depositar entullo de obra no medido natural) aínda se sigan realizando a día de hoxe por parte de particulares ou empresas”, sinala Pablo Casal. Ven con estupor que ningunha administración ou entidade se faga cargo da recollida despois de tanto tempo, e que o entullo siga espallado polo monte e polo río.

Tamén apreciaron nas augas do río Zamáns, ao paso por Pego Negro, con cheiro a fecais e de cor gris. Proba, unha vez máis, que despois de días de choiva, o saneamento río arriba non funciona correctamente.

Todos aqueles interesados en participar na limpeza simultánea do próximo domingo día 27 de setembro pola mañá en Gondomar poden contactar por teléfono/WhatsApp ao número 627 27 6816.

Esta actividade terá en conta as normas de protocolo Covid-19.