“Porto do Molle é un exemplo do que o Goberno fixo a través dun instrumento como a Zona Franca”

O candidato socialista ao Congreso dos Deputados, David Regades, visitou hoxe o polígono de Porto do Molle xunto ao alcalde de Nigrán, Juan González, e o seu equipo de goberno, para facer balance da xestión industrial na provincia por parte do Goberno de España, a través de instrumentos como o Consorcio da Zona Franca de Vigo, e para destacar o gran impulso económico experimentado por Nigrán.

David Regades explicou que “Porto do Molle é un exemplo do que o Goberno de España fixo a través de instrumentos económicos como a Zona Franca de Vigo, que nos últimos 5 anos, entre 2018 e 2023, foi quen de crear 45 novas empresas e xerar preto de 2.000 postos de traballo”. Regades subliñou que “falamos de moita xente que levaba tempo en paro e que atopou unha oportunidade laboral gracias a estas políticas”.

Regades destacou outras actuacións do goberno de España como son os grandes instrumentos de financiación dos fondos europeos, os PERTE, que aseguran o futuro de diversos sectores industriais estratéxicos para a transformación da economía española e facela máis competitiva e resiliente diante de futuras crises económicas. Falou do PERTE dos semicondutores (que contará cunha planta na provincia), do PERTE do Naval (crucial para Vigo, onde están o 50% dos estaleiros privados de España), o PERTE aeroespacial (que vai beneficiar a dúas empresas nigranesas) e o PERTE da automoción, tamén crucial para Vigo xunto coa moi alta tensión eléctrica que demanda a factoría de Stellantis en Balaídos.

“É vital que o Goberno do Estado siga presidido por Pedro Sánchez, para seguir adiante con estes proxectos, con este modelo de xeración e consolidación do emprego, un modelo que contrasta totalmente co aplicado polo Partido Popular na crise do ano 2008, baseado nos recortes”. España, engadiu Regades, é hoxe unha referencia na xestión dos fondos europeos en Europa e de éxito na loita contra a inflación (agora no 1,9%, convertendo a España no primeiro gran país Europeo en baixar do 2%). “Nigrán, como boa parte da provincia de Pontevedra”, afirmou Regades, “é un caso práctico de éxito deste modelo”.

Pola súa banda, Juan González, aplaudiu a transformación da Zona Franca, nestes últimos 5 anos, nunha auténtica ferramenta do Goberno de España para atraer empresas e xerar postos de traballo. Da man da Zona Franca, relatou, chegaron a Nigrán empresas como Nasas Nigrán, Emenasa, Argentia e Worpin. Están a piques de reforzar a súa presencia Brigal, BMC e INMI e pronto chegarán Jetxoel e Novo Berbés. O alcalde de Nigrán tamén quixo deixar claro que “David Regades é garantía de que se van defender os intereses de Nigrán e da provincia de Pontevedra nas Cortes Xerais”.