
Manifesto Miñor pechará a campaña electoral este venres 26 de maio ás 20:30 horas no Auditorio Municipal Lois Tobío de Gondomar cun acto ao que convidan a toda a veciñanza que queira acompañarlles e compartir con eles a fin desta etapa. “Poderiamos dicir sen nos equivocar que esta campaña electoral que vai de remate, foi das máis duras que algúns lembramos en moitos anos… e máis sucia tamén, o que indica que é máis necesario que nunca volver introducir na política local, e obviamente no futuro Goberno Municipal, a decencia política, o sentido común e os consensos necesarios que fagan da Corporación Municipal un verdadeiro foro de debate de ideas e de propostas que sexan de utilidade para mellorar Gondomar entre todos. Con nós non puideron malia todo o lixo e ameazas que sufrimos. Resulta evidente que somos necesarios, e estamos convencidos que ademais imos ser imprescindibles”, afirma o seu candidato, Antonio Araújo.