Aparecen pintadas ameazantes no portal do garaxe de Antonio Araújo

O candidato á alcaldía de Gondomar por Manifesto Miñor, Antonio Araújo, encontrouse esta mañá cun “recado” no portal do garaxe da súa casa. “Non é a primeira vez que alguén fala de me exterminar. Quero pensar que isto é cousa dalgún hooligan descerebrado que aínda non entendeu como funciona unha sociedade democrática e faille caso a calquera miserable. A min non me van calar pois non lles teño medo, pero a miña familia ten dereito a vivir tranquila”.

“Quen me leva seguindo ao longo da miña vida política e/ou pública, que é moi longa e por iso mesmo chea de incidentes e sucesos de todo tipo, sabe que nunca xamais falei de min mesmo pois sempre entendín que as consecuencias desa actividade non tiñan porque salferir á miña familia ou ás persoas próximas que quero. Hoxe co voso permiso vou facer unha excepción pois entendo que se traspasaron liñas vermellas intolerables nunha sociedade que presume de democrática, e máxime, se falamos dun concello e dunha vila onde nos coñecemos todos”, afirma Araújo.

“Non podo nin quero sinalar a ninguén pois non teño probas, porque os covardes que así actúan sempre o fan pola noite ou embozados no anonimato, pero si quero poñer enriba da mesa o debate sobre a febleza desta democracia con moitos fallos que tamén ten a súa versión populista nos concellos… e que algúns combatemos as máis das veces a peito descuberto. Velaí están as consecuencias”, lamenta o candidato de Manifesto Miñor.

“Fagamos memoria e analicemos como se crea este caldo de cultivo. A finais de 2021 o Alcalde de Gondomar anuncia nun Pleno da Corporación Municipal o meu ‘inminente exterminio’ porque seica era un cancro. A denuncia nunca saíu do Cuartel da Garda Civil, e medio ano despois foi arquivada por un xuíz cualificándoa pouco menos que dunha tirapuxa entre políticos. Hai uns meses á miña compañeira de Grupo Municipal, Rocío Cambra, tamén con nocturnidade e aleivosía, cortáronlle a mangueira da auga na obra da súa casa en construción causando danos dunha certa consideración. A semana pasada, nada máis comezar a campaña electoral varias ducias de bandeirolas de Manifesto Miñor foron derrubadas con saña dos farois e ciscadas entre as silveiras. Esta mesma semana os nosos cartaces colocados nos espazos que legalmente nos concede a Xunta Electoral están sendo saboteados… E agora isto no portal do garaxe da miña casa”, relata Araújo.

“Pídolle a quen teña ascendencia sobre este tipo de hooligans que digan ou fagan algo para cortar de raíz estas prácticas. Sería bo para todos. Pola miña parte só teño que dicir que este tipo de accións filo-nazis só reforzan as miñas conviccións e obxectivos, que non son outros que a defensa do ben común, e que obviamente, nin me van calar nin me van meter medo”, conclúe o actual concelleiro e candidato de Manifesto Miñor.