O Hospital Álvaro Cunqueiro acolle a exposición “Galicia é Arte”

O Hospital Álvaro Cunqueiro inaugurou hoxe a exposición “Galicia é Arte” con obras realizadas por usuarios da Fundación da Santa Cruz. A mostra foi inaugurada polo xerente da Área Sanitaria de Vigo, Javier Puente, e a directora da Fundación en Galicia, Soledad Pomar. A Fundación da Santa Cruz é unha entidade social situada no barrio vigués de Teis cuxa finalidade é protexer ao maior número de persoas que viven en situacións de exclusión e promover a súa integración social e independencia persoal.

“Galicia é Arte” é un proxecto que consistiu en realizar 15 obras de arte coas técnicas de macramé e puntillismo dedicadas ao Día das Letras Galegas. Segundo afirman desde a Fundación, estas técnicas teñen múltiples beneficios xa que axudan a mellorar a psicomotricidade; potencian a concentración e atención e reducen os niveis de estrés. “O noso obxectivo final é darlle visibilidade a ese proxecto e que os nosos residentes observen que o seu traballo, dedicación e esforzo é visto e valorado por outras persoas o que repercute directamente na mellora da súa autoestima”.