Os socialistas denuncian que a Xunta leva “14 anos estudando” o deterioro do Templo Votivo de Panxón

A parlamentaria socialista Leticia Gallego esixiulle hoxe á Xunta que faga a rehabilitación do Templo Votivo do Mar de Panxón, cumprindo cos acordos parlamentarios aprobados en 2009 e en marzo de 2022 a raíz das iniciativas presentadas polo PSdeG. Gallego presentou unha pregunta na Comisión de Cultura na que criticou que o goberno galego estea a “deixar caer a pedazos” unha obra do coñecido arquitecto Antonio Palacios que data de 1937.

A responsable socialista acusou á directora xeral de Patrimonio de “tomarlle o pelo” aos veciños e veciñas de Panxón logo de ter anunciado “outro estudo, outro proxecto” sobre a situación do templo, de sobra coñecida, adiando o que son “actuacións urxentes” para evitar a perda deste patrimonio. Criticou que a directora xeral de Patrimonio lles esixira hoxe aos parroquianos que asuman o custe dunha rehabilitación competencia do goberno galego.

Leticia Gallego criticou que o goberno galego leva “14 anos facendo estudos” da situación do inmoble mentres este se desmorona sen que o goberno galego faga nada, o presidente da Xunta apresúrase a inaugurar exposicións nas que presume precisamente da lámpada do Templo Votivo do Mar de Panxón, “de traca”, concluíu.

Alertou das entradas de auga provocadas polo agretamento do encintado das fachadas, a rehabilitación de varias vidreiras e do rosetón da entrada principal, que dende hai anos foron forradas dende o interior con mallas de metal, para evitar que os fragmentos de cemento caian sobre as persoas, mentres a un dos anxos que coroan a torre “caeulle a cara”. Advertiu que “son moitas as accións que teñen que levar a cabo nesta igrexa que cada vez vaise deteriorando máis”.

Esta é a terceira vez que o Grupo Socialista trata no Parlamento a situación deste complexo, dende que hai quince anos comezara a amosar o seu deterioro dun xeito alarmante. Tanto en 2009 como en 2022, lembrou, foron debatidas e aprobadas dúas propostas para pedirlle á Xunta que leve adiante unha actuación urxente, sen que ata o momento levaran adiante a rehabilitación.

A obra foi construída polo coñecido arquitecto porriñés, Antonio Palacios, considerado o arquitecto español máis importante da primeira metade do século XX, de tendencia ecléctica e creador en España da escola do “monumentalismo”. É autor de obras importantísimas, sinaladamente en Madrid, como o Palacio de comunicacións da Praza de Cibeles, o Hospital de Maudes, o Banco del Río de la Plata, o Banco de Biscaia ou o Círculo de Belas Artes.