Oito empresas optan á execución dos traballos de urbanización da Fase II do Polígono da Pasaxe

Un total de oito empresas optan á execución dos traballos de urbanización da Fase II do Polígono Industrial da Pasaxe en Gondomar, por un prezo de saída de 3,4 millóns de euros e outras catro presentaron ofertas para a dirección de obras, orzados en torno a 50.000 euros máis IVE, tras finalizar o prazo de presentación das distintas propostas.

Este martes procedeuse, de forma telemática, á apertura dos sobres para valorar as distintas ofertas. O alcalde, Paco Ferreira, confía en que tras este primeiro paso a supervisión e a execución dos traballos poidan quedar adxudicados ao longo deste mes “a condición de que non xurda ningún imprevisto”.

Os prazos que se manexan, nun principio, é que os traballos -cun prazo de execución de 15 meses e financiados coa fórmula de cooperación entre os integrantes da asociación de empresarios da Pasaxe- poidan arrancar en marzo.

Cúmprese así un dos obxectivos nos que traballou sen descanso e firmemente o goberno que preside Paco Ferreira: regularizar a situación do polígono enquistada dende fai máis de medio século, logrando a finais do 2019 o primeiro paso coa aprobación do proxecto de reparcelamento e equidistribución de cargas e beneficios.

Agora, por diante, as obras que dotarán a esta zona industrial de iluminación pública, remodelación de viarios, construción de beirarrúas e a dotación de conexións de saneamento e abastecemento.

“Unha primeira fase que forma parte dun proxecto máis ambicioso que quere converter -lembra o alcalde Paco Ferreira- o noso parque industrial nun referente do sur da provincia de Pontevedra”. Lembrou que queda por diante a segunda fase, na que se contará coa colaboración da Zona Franca de Vigo, e que supoñerá unha ampliación da Pasaxe en 200.000 metros cadrados, pasando a súa superficie a triplicar a actual con 600.000 metros cadrados.

Paco Ferreira confía formalizar nos próximos días o convenio entre o Concello de Gondomar e o Consorcio estatal polo que se fará cargo do financiamento e execución da segunda fase, cun investimento de 30 millóns de euros.

Gondomar mellora a seguridade viaria nas inmediacións do Pavillón de Deportes

As obras de mellora da seguridade viaria na estrada EP-2303 Gondomar-Vilaza-Parada xa están en marcha co obxectivo de seguir ampliando a implantación dun modelo seguro e sustentable da rede viaria na provincia, e concretamente no Concello de Gondomar.

O alcalde e técnicos da Deputación provincial visitaron nas últimas horas esta actuación que contempla a construción dun muro de contención e unha senda peonil para garantir a seguridade nas inmediacións do Pavillón Municipal, institutos e o campo de Fútbol de As Gaiandas, situados nesa contorna.

A obra, que desenvolve a Deputación Provincial, conta cun orzamento de 32.000 euros e ten un período de execución de dous meses, aproximadamente. Nela contémplase unha senda peonil de 2,5 metros de ancho na súa marxe dereita, enlazando coas beirarrúas existentes na estrada. Ademais ampliarase a plataforma de vía, e se construirá un muro de contención de 2,3 metros de altura e 60 metros de longo, executándose os recheos precisos para garantir a súa conservación.

Por último colocarase unha barreira protectora e separadores reflectores para delimitar de forma clara a senda da calzada.