Marcelli repite podio na segunda xornada de Gouveia ratificando o seu bo arranque no Mundial de Trial

O catalán Toni Bou do Repsol Honda Team, con escuadra de Montesa, cede ante a presión do vasco Jaime Busto (GasGas), que lle arrebata a atalaia dourada á que estaba afeito o piloto de Piera. O biscaíño leva esta segunda rolda e presenta a súa candidatura ao título mundial tras a segunda rolda do intercontinental celebrada esta fin de semana na localidade portuguesa de Gouveia. O duelo Bou – Busto resolvíase por tan só un punto de diferenza a favor do biscaíño que, en palabras do codirector de carreira, o vigués Nano Ferro “atópase nun gran momento e chegou a esta cita co mundial de 2023 moi forte e con moitas ganas”.

O galego Gabriel Marcelli (Montesa-Repsol Honda) ratifica o seu bo momento e repite terceiro banzo na cita lusa, un dos seus obxectivos tal e como declaraba tras o seu bo papel na primeira xornada. Raga (TRRS), pola súa banda, tívose que conformar coa cuarta praza, iso si, por diante do italiano Matteo Grattarola (Vertigo) con 15 puntos polo medio. E o vigués Jorge Casales (Scorpa) non variaba o seu posto, mantendo a súa oitava praza.

No resto de categorías non houbo sorpresas. En GP Women, a británica Emma Bristow (Sherco) mantivo a súa hexemonía, tan só seguida moi de preto, do mesmo xeito que no primeiro día de competición, pola catalá Berta Abellán (Scorpa), a dous puntos, entre 5 e 7 do ouro á prata. Con gran diferenza, ata 34 na táboa, situábase a terceira clasificada, a tamén británica Alice Minta (Scorpa). A compañeira de escuadra da española aparecía na escena do podio este domingo.

Respecto ao Trial 2 e Trial 3 non cambiaron os seus titulares, sendo os ingleses Billy Green (Scorpa) e George Hemingway (Beta) os que volvían subirse ao banzo máis alto do caixón, respectivamente. Arnau Farré (Sherco) posicionábase cuarto no Trial 2 e Bruno Aguilar (TRRS) baixaba do 12 do primeiro día ao 17 dominical, en Trial 3. A segunda etapa do Mundial de 2023, que se celebrou no municipio portugués de Gouveia, estivo organizada por Talentos Objetivos – Clube de Enduro e Recreio, coa colaboración da Peña Moteros Val Miñor.