
O pasado 31 de marzo saía publicado na prensa local que a asociación “Movemento Veciñal da Escola de San Cibrán” ía facer uso da Escola de San Cibrán para o desenvolvemento das súas actividades, despois dun convenio que viña de asinar coa Administración local, grazas ao cal o Concello de Gondomar ía a cederlle estas instalacións. Ante esta noticia, a directora do CRA Antía Cal comunicou á Consellería de Educación estes feitos, motivo polo cal a Xunta de Galicia remitiu un escrito ao Concello no que lle recordaba que para ceder as instalacións tiña que solicitar primeiro a desafección das mesmas, previo acordo do pleno municipal.
Nunha xuntanza, solicitada pola voceira do Partido Popular de Gondomar e mantida este pasado domingo coa directiva da asociación, Paula Bouzós explicoulles que para que o Concello de Gondomar poida cederlles o uso do local primeiro é necesario que o pleno municipal solicite a desafección do mesmo, polo que se presentou unha moción para debater no pleno municipal. Paula Bouzós afirma que o seu grupo municipal “está totalmente a favor de que as instalacións das antigas escolas públicas de Gondomar que non son utilizadas actualmente con fins educativos, sexan usadas noutros fins de interese cultural, social ou deportivo, con actividades propias do Concello ou mediante convenios asinados con entidades sen fins de lucro do noso municipio”.
Neste caso, a escola de San Cibrán forma parte do CRA Antía Cal, polo que está afectada a uso educativo, sendo necesario que o Concello solicite a autorización para a súa desafección á Consellería de Educación da Xunta de Galicia para poder asinar un convenio coa asociación “Movemento Veciñal da Escola de San Cibrán”, co fin de proceder a cesión do inmoble para poder desenvolver no mesmo as actividades propias da mencionada asociación. Segundo o establecido na Lei orgánica 2/2006, de 3 de maio de Educación na súa disposición adicional 15 apartado 2, os edificios públicos destinados a centros de educación non poderán destinarse a outros servizos e finalidades sen autorización previa da Administración educativa. Así mesmo o Real Decreto 605/1987 de 10 de abril establece que a autorización da desafección só poderá ter lugar cando o inmoble deixe de ser necesario, en todo ou parte, para uso educativo.
Por este motivo veñen de presentar unha moción a debater no próximo pleno na que instan ao goberno municipal a comezar os trámites necesarios para solicitar da Consellería de Educación da Xunta de Galicia a desafección da escola de San Cibrán para destinalo a fins de interese cultural e social.