Máis de 4.000 atletas participarán na XXII edición da Vig-Bay e II Mini Bay

Este xoves tivo lugar a presentación da XXII edición do Medio Maratón Gran Bahía Vig-Bay e II Mini Bay, que se celebra o vindeiro domingo 26 de marzo e que este ano foi recoñecida cun dos galardóns da cidade de Vigo. O acto no Auditorio da Sede Central de Abanca contou coa presenza de todas as institucións presentes na proba, así como os distintos Corpos de Seguridade, patrocinadores e colaboradores.

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, afirmou que “a Vig-Bay é o resultado da unión de tres municipios, que deu un resultado excepcional ata converterse nunha proba imprescindible”. Na súa intervención destacou o papel do deporte na cidade, así como o “orgullo de poder entregarlles hoxe a medalla de Vigueses Distinguidos” e animou a todos os deportistas que participen na proba.

Pola súa banda, a delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, destacou os valores da XXII Medio Maratón Gran Bahía Vig-Bay e a II Mini Bay como símbolo da cidade. A representante autonómica salientou na presentación da cita o exemplo de “esforzo, superación, diversidade e solidariedade” que leva á proba a ser recoñecida na gala dos Vigueses Distinguidos 2023.

Fernández Tapias destacou que “dende o nacemento da Vig-Bay no ano 2000, a carreira converteuse nun símbolo da unión de tres concellos veciños e no mellor exemplo de que o entendemento e a colaboración son as mellores fórmulas para avanzar”. Así, definiu o percorrido urbano entre os tres municipios como “unha beleza da natureza e un escenario inigualable” que contribúen a que a Vig-Bay sexa “unha das mellores maratóns do mundo”.

O 27 de febreiro do ano 2000 daba a saída a primeira edición da Medio Maratón Gran Bahía Vig-Bay con 613 corredores. Nesta vixésimo segunda edición, a Vig-Bay conta con máis de 4.000 atletas e xa é a proba popular con maior participación de Galicia.

“Este percorrido, no que os corredores sempre teñen á vista o mar de Vigo e as súas illas, tamén serve como trazado, á inversa, dos peregrinos do Camiño da Costa. E de forma paralela á proba, o roteiro xacobeo experimentou nos últimos anos un gran auxe”, sinalou a delegada territorial.

Ademais, lembrou que durante as dúas últimas décadas a proba “non parou de crecer” sinalando que naceu do “sono” dun grupo de persoas. “Dese sono, dese proxecto de Eduardo Vieira, chegamos ao que é hoxe”, valorou augurando a continuación que a proba seguirá a medrar tanto en prestixio coma en número de participantes nos vindeiros anos.