
Podemos Baiona vén de presentar alegacións á vista do anuncio do D.O.G. o pasado día 3 de marzo, polo que se somete a información pública o estudo de impacto ambiental e a solicitude de autorización previa administrativa de construción e aprobación do Plan sectorial de interese autonómico e a declaración de utilidade pública do proxecto do parque eólico Torroña I. O proxecto consiste na colocación de catro aeroxeradores en Oia, aínda que a súa instalación tamén afecta a Baiona ao colocar a conexión á rede eléctrica pola zona da Granxa (Belesar).
Desde Podemos denuncian que “todos os proxectos foron tramitados de forma fraudulenta pola fragmentación irregular da Serra da Groba en dúas zonas de desenvolvemento eólico, sen unha avaliación ambiental e de impacto paisaxístico, sen ter en conta os recursos naturais e culturais (nos que só priman os beneficios económicos de grandes empresas como Acciona) e sen unha mínima preocupación pola veciñanza, o medio natural e o ordenamento territorial dun sector estratéxico en Galicia”. “Dende 2020, cando se deu a coñecer o Plano Eólico de Galicia cos proxectos previstos na Groba a nosa posición foi clara”, explica Agustín Silva, voceiro da formación.
“Despois de rexistrar un requirimento no Concello onde solicitamos coñecer a posición do equipo de Goberno, as medidas que ían levar a cabo e a nosa petición a rexeitar a súa tramitación, non recibimos resposta”, aclara Silva. Ante a súa inacción, a formación trasladou ao deputado Antón Gómez-Reino, varias solicitudes que foron levadas ao congreso para denunciar a instalación dos parques eólicos e a ameaza que estes proxectos tamén supoñerían para a supervivencia dos Garranos e a destrución do seu hábitat.
Tamén solicitaron á eurodeputada da formación, Idoia Villanueva, que abordase a problemática dos parques eólicos, e xunto con Antón Gómez-Reino mantiveron unha reunión en Gondomar con representantes do Instituto de Estudos Miñoráns /(SOS Groba) e membros da Dirección Xeral de Medio Ambiente da Comisión Europea, onde denunciaron a destrución da Serra da Groba de instalarse os aeroxeneradores así como a escasa achega da Xunta de Galicia na Rede Natura da UE.
Na actualidade, tras as Declaracións de Impacto Ambiental desfavorables dos demais parques eólicos proxectados na Serra da Groba, só quedan pendentes de resolución o Toroña e este último (Torroña I), para o que tamén solicitan (como fixeron cos demais) que se resolva negativamente e se denegue a autorización administrativa, impedindo a aprobación do proxecto de execución.