
Este pasado venres día 3 saíu no DOG a publicación para a exposición pública e período de alegacións do Parque Eólico Torroña I. “Unha ameaza máis para todo o patrimonio natural e cultural da Serra da Groba, e nomeadamente para a pervivencia dos garranos, burras ou bestas do monte e consecuentemente para a milenaria festa etnográfica dos curros”, advirten desde o IEM. “Estes días que vemos en medios de comunicación de todo o mundo a gran incidencia que tivo a premiada película de Sorogoyen “As bestas”, e as súas verbas de denuncia e apoio pronunciadas na gala dos premios do cine español dos Goya, congratulámonos cos amigos de Sabucedo dese apoio recibido, e volvemos tamén ás nosas denuncias”.
“A gran ameaza que esta a sufrir o patrimonio natural e cultural do noso país non ten parangón, agás o andazo dos lumes, só que neste caso concreto está apoiado pola propia administración que dun xeito descarado axuda ás empresas promotoras sen contar cos veciños nin cos milleiros de queixas, denuncias e alegacións que veñen facendo todo o tecido asociativo ecoloxista e veciñal, mesmo o Consello da Cultura Galega, a Universidade e a propia U.E, que veñen sistematicamente denunciando o feble empeño que pon a Xunta en protexer as paraxes naturais, brañas, fauna, flora, paisaxe… Fanse leis que logo non se cumpren ou se obvian”, lamentan desde o IEM.
“Na Serra da Groba temos a ameaza continua das pretensións de varias empresas de instalar varios parques eólicos. Dun xeito fraudulento, dividiron toda a serra en dúas ADEs e un área de investigación en reserva, e ata foron recollidos no Plano Eólico de Galicia sete proxectos e as súas poligonais, nas que se levan promovendo ata o de agora os parque eólicos do Rosal, O Merendón, Torona , Albariño I e agora o Torroña I. Co movemento opositor dos veciños e de moitas asociacións e co apoio dos plenos dos concellos de Nigrán, Baiona, Gondomar, Tomiño e O Rosal, agás o de Oia que non se pronunciou en pleno e que saibamos, tampouco fixo informes sectoriais negativos, lévanse parado todas as iniciativas por renuncia ou por Declaracións de Impacto Ambientais desfavorables”, recordan.
“Agora temos no DOG un máis, o Torroña I, e nos documentos sometidos a exposición pública non vemos que o EsIA recolla as afeccións e ameazas ao mellor e máis grande patrimonio vivo que temos na Serra da Groba, as burras do monte, os garranos Equus ferus atlánticus, as nosas bestas. Todos os estudos dos parques eólicos que temos visto, feitos e pagos polas empresas promotoras, esquecen en maior ou menor medida, o maior patrimonio natural e cultural que hai no sur da provincia de Pontevedra. Co noso apoio e solidariedade por diante, envexamos aos amigos de Sabucedo que foron quen de poñer no foco ás súas bestas. Tiveron a oportunidade e souberon aproveitala. Pero nós tamén denunciamos, (e non só hoxe e agora) levamos moitos anos facéndoo, o grande perigo que supón para as nosas bestas este novo parque eólico que nos queren instalar con torres xigantescas nos cumes do Arieiro e das Aradelas, nas terras de Viladesuso e Burgueira, cunha extensa rede de evacuación que atravesa toda a Groba ata Barrantes, onde proxectan a subestación e onde principiará outra aldraxe coa evacuación eléctrica aérea ata o Rosal”, continúan desde o IEM.
Temos na Serra da Groba a poboación máis numerosa de cabalos salvaxes do mundo, e a máis xenuína, segundo os científicos. Arredor de 1.200 exemplares entran nos nosos curros cada ano, e ocupan todos os nosos montes, axudando coa súa presenza ao mantemento do mato baixo e á convivencia con outras especies vexetais e animais. Nos anos 70 do pasado século XX tiñamos na Groba 2.100 garranos, e en Sabucedo 340. No ano 2.022 tiñamos na Groba 1.100 e en Sabucedo un máximo de 300. O declive no número de exemplares é tan evidente como alarmante e son múltiples as razóns desta mingua, pero no que todo o mundo está de acordo é que a presión antrópica sobre os espazos nos que habitan é unha das máis salientables.
“A Xunta de Galicia mira para outro lado e pasa dos garranos e dos seus hábitats e despreza o que en todo o mundo se valora. Por ignorar, ni tan sequera é comunicada a Dirección Xeral de Gandería, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, para que emita un informe sectorial que analice as afeccións e ameazas sobre esta especie dos proxectos eólicos actuais. Para a Xunta os garranos simplemente non existen. Por que será? Non podemos deixar que veñan de fóra, ou de onde veñan, a explotar os nosos recursos e perdamos un dos maiores valores naturais e culturais sen que ninguén faga nada para parar o seu declive. As nosas bestas levan aí moito máis tempo que o que nós levamos, e non podemos permitir a industrialización salvaxe das nosas serras ameazando a súa supervivencia”, conclúen desde o IEM.