Nigrán pon a disposición do GES a súa brigada municipal de prevención de incendios

O Concello de Nigrán, ante o risco extremo de lumes e tal e como xa estaba previsto, puxo á disposición do Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES) a súa brigada municipal de prevención de incendios, a única propia de toda a comarca, e que está operativa desde o 1 de abril. Con este fin, e despois de tres meses realizando tarefas de prevención no monte, a semana pasada levaron adiante simulacros conxuntos. Adicionalmente, ao atoparnos en estado de prealerta por seca, o Concello vén de restrinxir os regos e eliminar os baldeos das rúas, ademais de aconsellar á cidadanía un uso prudente e responsable da auga.

“O obxectivo dos simulacros é adiantarnos e estar preparados en caso de que salte a alarma. O sistema de coordinación, de mando, e funcións está totalmente establecido e a nosa brigada se atopa en alerta 24 horas e localizable”, explica o alcalde, Juan González, quen destaca que os 5 brigadistas contratados de xeito directo polo Concello teñen experiencia previa en labores de extinción e estarán traballando ata o 30 de setembro. “Temos os deberes feitos desde meses atrás; esta brigada é un apoio máis ao GES e aos medios propios da Xunta e o goberno do estado”, incide o alcalde. “A brigada estaría en caso de lume a disposición do GES, que sería o seu mando superior”, engade Diego García, edil de Medio Ambiente, quen lamenta a falta de axudas da Xunta ao non incluír Nigrán como “Zona Prioritaria” pese á gran masa forestal coa que conta e a virulencia de lumes como os de 2017 (as zonas de alto risco de incendio forestal son as superficies onde se recoñece como prioritaria a aplicación de medidas máis rigorosas, non sendo o caso de Nigrán segundo o goberno autonómico).

“Cómpre recordar que está totalmente prohibido realizar queimas en terreos de monte nestas datas e, ante o risco extremo, non se debe empregar ningún tipo de maquinaria ou ferramenta motorizada porque facilmente podería provocar un incendio”, subliña González, quen destaca “todos estes meses de traballo previo sobre o terreo”. “Os incendios de verán hai que evitalos meses atrás, e iso é o que facemos en Nigrán”.

O goberno local optou pola contratación directa e posta en marcha da brigada despois de que as experiencias anteriores dependentes de subvencións da Xunta de Galicia retrasasen o seu funcionamento a setembro por cuestións meramente administrativas. Deste xeito, investíronse algo máis de 40.000 € na contratación de catro peóns forestais con experiencia e unha xefa de brigada no período comprendido entre o 1 de abril e o 30 de setembro (todos a xornada completa e seleccionados desde a Oficina de Emprego) e na dotación do equipamento preciso.

“Optamos por esta vía para garantir o funcionamento da brigada na tempada que realmente Nigrán a precisa. Adquirimos todos os medios materiais e por iso a partir de agora repetiremos cada ano esta fórmula cun investimento moito menor”, explica o alcalde, Juan González, en referencia á adquisición dun todoterreo Pick-Up de segunda man por 18.000 € e aparellos ou maquinaria como motoserras, rozadoras e soprafollas.

A realidade é que desde o 1 de abril a brigada vén traballando en labores de prevención de incendios forestais abrindo camiños no monte para o correcto acceso de vehículos de emerxencia en caso de necesidade, eliminando biomasa, rozando as contornas de vivendas en risco ou incluso limpando de forma subsidiaria 30.000 metros cadrados de leiras con expedientes sancionadores porque os propietarios non as manteñen conforme obriga a lei de seguridade anti-incendios. A isto súmase as labores propias de vixilancia.

“Ao igual que se contratan socorristas para manter as praias seguras durante a tempada estival, o Concello de Nigrán contrata directamente a brigadistas con experiencia para manter o seu servizo propio e, con elo, previr incendios na tempada de máis risco”, resume González.

Prealerta por Seca

Adicionalmente, ao atoparnos en estado de prealerta por seca, o Concello vén de restrinxir os regos ao mínimo imprescindible e de eliminar os baldeos das rúas, ademais de aconsellar á cidadanía que limite o uso particular de auga ao necesario. A declaración de prealerta trátase dun aviso precoz para evitar futuros escenarios de restricións e de cara a concienciar á poboación sobre o emprego responsable da auga.