
Esta fin de semana afeccionados á avicultura de ata trinta países do mundo daranse cita en Gondomar, para participar no XV Congreso de Aviornis Ibérica, organizado por esta entidade co apoio inestimable do Concello de Gondomar. Durante tres días (10, 11 e 12 de marzo) haberá relatorios e charlas de recoñecidos expertos.
O venres pola tarde haberá catro conferencias a cargo do construtor e avicultor, Juan Wernike, do veterinario e secretario de Aviornis, Joaquín Laliena, do criador portugués Jonny Filipe Alves ou do presidente da asociación mundial de faisanes (WPA) Laurente Fontaine.
O sábado pola mañá celebrarase a asemblea ordinaria de Aviornis, e despois do acto de inauguración a cargo do alcalde de Gondomar, Paco Ferreira, e do presidente de Aviornis, Jesús Gómez Pina, intervirán o biólogo do Parque Nacional de Doñana, Pedro Romero, e o criador de psitácidas Sandro Damico. A xornada matinal concluirá cunha exhibición de voo libre de aves rapaces a cargo de José Antonio Alonso.
Durante ese día tamén se celebra o Comité Europeo de conservación de galiformes da asociación mundial de faisáns (WPA). Pola tarde o experto consultor na cría de aves, Lubos Tomiska, ofrecerá unha disertación. Seguiralle en tomar a palabra o cetreiro Lino Vázquez e a educadora e responsable de voo libre do Loro Parque, Montse Buch. Haberá unha mesa redonda.
O domingo tamén haberá relatores de renome como José María López, vogal da Federación Fauna, e Jesús Gómaz Pina, presidente de Aviornis, o criador Eduard Moratal, Sandro Damico (que ofrecerá outro relatorio), o divulgador Álex Lacchein ou o escritor e avicultor Tony Silva.
As actividades dividiranse entre o Auditorio Lois Tobío, o Pavillón de Gondomar e o campo de fútbol de As Gaiandas. Toda a información está na web de Aviornis. Ademais haberá actividades paralelas como música, distintos expositores e algunha sorpresa nun evento presentado por Luis Prieto.