Os afectados polas enchentes de Gondomar reúnense con Augas de Galicia

A Asociación de Afectados polas Enchentes dos ríos Miñor e Zamáns reuniuse o venres en Vigo cos responsables técnicos e políticos de Augas de Galicia. “Foi unha reunión cordial e coidamos que produtiva. Dende a Xunta Directiva que alí estabamos presentes trasladámoslle aos devanditos responsables de Augas de Galicia, por unha banda a nosa preocupación polas consecuencias que se derivaron das enchentes de finais e principios de ano, que mesmo puideron ter consecuencias catastróficas, e da preocupación que seguimos tendo de que se poida volver repetir o mesmo”, sinala Antonio Araújo, presidente da Asociación.

Sendo conscientes de que enchentes hóuboas sempre e que seguirá habéndoas, propuxéronlle aplicar o sentido común para axudar a resolver este problema, “ao noso modo de ver non pasa por grandes obras faraónicas, senón por coidar o río, controlar os desaugues do encoro de Zamans, incluso por habilitar un sistema de alerta que avise con antelación suficiente dos mesmos, por estudar os caudais da auga que entra no Río Miñor e a capacidade a día de hoxe que ten de desaugar na Xunqueira, abrir os ollos das pontes de Mañufe e da Xunqueira que están cegos, e sobre todo como medida inmediata eliminar todos os atrancos que fan de represas ao longo de todo a canle do Río Miñor: grandes árbores caídas, outras que o cruzan tamén caídas, ramallada de todo tipo, etc”.

“Ás responsables de Augas de Galicia parecéronlle razoables as nosas propostas e esta mesma semana llelas ían trasladar á Dirección da Institución, comprometéndose a informar dos acordos que tomen a semana que vén. Dende a nosa asociación confiamos en que se leven a cabo canto antes para tranquilidade dos centos de veciños que estamos afectados por esta situación. Por último, convidamos aos representantes de Augas de Galicia a vir mirar a situación que lle comentamos, brindándonos a acompañalos, cousa que non foi descartada”, conclúe Araújo.

Esta asociación recentemente legalizada agrupa a máis de cen persoas afectadas polas enchentes de finais de decembro e primeiros de xaneiro dos ríos Miñor e Zamáns. A maioría son residentes no centro da Vila de Gondomar e no Barrio da Ponte en Mañufe. Naceu, entre outros obxectivos, coa firme convicción de procurar que este gravísimo problema que todo indica que se vai ir agravando non se esqueza ao parar de chover, e que senón se toman medidas con urxencia que axuden, cando menos, a minimizalo, podemos estar diante de situacións catastróficas.