Baiona xa goza da súa Arribada máis grande

O Salón Medieval do Parador Conde de Gondomar acolleu este venres o acto oficial de apertura da XXVII Festa da Arribada. Nun enclave privilexiado, Carlos Gómez Prado, alcalde de Baiona, exerceu de anfitrión para destacar a importancia da cita nas relacións internacionais de España e América e a beleza da vila que cativa a visitantes. O rexedor baionés reivindicou que “Baiona esixe o seu lugar na historia con vocación aberta, asentada na súa historia pero vendo cara ao futuro”. Así mesmo destacou que “o obxectivo deste equipo de traballo é que a Festa da Arribada non se limite a unha celebración de fin de semana e que sexa unha celebración cun maior valor cultural e histórico co fin de que a celebración non perda o significado co que se creou. Necesitamos divulgar a importancia histórica e cultural da nosa Vila e non só durante a festa. Que todas as persoas que nos visitan saiban, con só pisar Baiona, que non somos un pobo máis, que somos un pobo cunha historia única e que de aquí partiron as noticias que informaron ao mundo da existencia dunha terra por coñecer. A Festa da Arribada non é un evento do Concello, é un evento do pobo de Baiona, no que veciños e veciñas son parte fundamental. O son hoxe e fórono sempre. A Arribada nos enorgullece xa que é unha celebración que naceu, creceu e consolidouse grazas á unión, esforzo e traballo de todo un pobo”.

Así mesmo, o rexedor na súa intervención reivindicou a importancia da recente creación da Asociación de Cidades Colombinas. “Tras a firma do Manifesto de Baiona o ano pasado, a semana pasada nun acto na Casa de América en Madrid rubricamos o noso compromiso con este proxecto. Este acto serviu para a posta en marcha oficial da asociación, que traballa xa na creación do Roteiro dos Pobos Colombinos Encontro entre Tres Mundos. Xa traballamos na creación dun Proxecto Internacional que conecta os Pobos Colombinos de España, Sudamérica e África. Con este proxecto tan ambicioso dotaremos de contido real ao irmandamento. Entre as pretensións dos alcaldes e alcaldesas asinantes atópase que o proxecto sexa tratado co maior rigor histórico e cultural que se merece, polo que queremos contar coa colaboración das Universidades de La Laguna, Las Palmas, Granada, Vigo e Santiago de Compostela. Con todo iso marcámonos o obxectivo de converternos en Patrimonio material e inmaterial da Unesco. Os Pobos Colombinos meréceno, do mesmo xeito que o fito histórico de hai 530 anos, que cambiou a historia da humanidade e do que Baiona foi o primeiro lugar do mundo en ter coñecemento, merécenllo”.

Na quenda de intervencións continuou en segundo lugar a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, que cualificou á Arribada como “unha festa que nos fai ser e sentir felices, que nos brinda a xenerosa oportunidade de compartir afectos, emocións, experiencias e sorrisos. Unha festa que é o mellor exemplo do que somos e de porque somos así. Unha festa que fala da nosa orixe, e fago aquí un chisco á campaña de promoción turística que estamos a desenvolver este ano dende a Deputación, “Orixe Rías Baixas”, que tanto ten que ver con esta festa. Porque si…. a Arribada é felicidade, é ledicia, é unión, é amizade, pero tamén orixe, tradición, historia, vivir experiencias únicas, deixar unha pegada inesquecible… É querer volver a Baiona, a esta fermosísima e marabillosa vila, ano tras ano, para gozar dun evento que se reinventa edición tras edición”.

Tamén falou a Alcaldesa de Santa Fe de la Vega de Granada, Patricia Carrasco, e o Alcalde de Palos de la Frontera, Carmelo Romero, pobos irmáns da Real Vila, para finalmente pechar o acto o Presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda Valenzuela, que destacou a Festa da Arribada de Baiona como símbolo da Galicia acolledora e portadora de boas novas. O mandatario autonómico aplaudiu a recuperación, en todo o seu esplendor, desta efeméride, e salientou que Baiona celebre este acontecemento declarado Festa de Interese Turístico Internacional despois de que toda Galicia vivira un Xacobeo histórico con cifras récord de peregrinos e de turistas. Subliñou que Baiona forma parte dese fito xa que polas súas terras pasa o Camiño Portugués da Costa, que se suma a outros atractivos da vila como o proxecto Exploraterra -para divulgar as grandes exploracións marítimas que cambiaron o curso da historia-, o Plan de Sustentabilidade Turística en Destino Descubre Baiona ou os atractivos do turismo náutico e deportivo.

Alfonso Rueda recordou que a Festa da Arribada, ademais de ser un atractivo turístico, é tamén un símbolo da unión fraternal con América. O líder autonómico lembrou o esforzo de todos os emigrantes galegos xa que “grazas ao froito do seu traballo lograron cambiar a nosa terra en épocas de grande dificultade”. Recordou que Galicia estará sempre agradecida a ese Novo Mundo que acolleu a tantos galegos cando o necesitaron e que, en gratitude, agora é a terra de orixe a que os invita a volver a través da Estratexia Retorna, que xa facilitou a chegada de 28.000 galegos do exterior e que agora quere que 400 máis regresen cun contrato indefinido na man a “unha terra de oportunidades”.

O acto protocolario finalizou coa interpretación da Banda de Música de Baiona dos himnos de Andalucía, Galicia e España. Tamén asistiron, entre outras autoridades civís y militares, o delegado da Zona Franca de Vigo, David Regades, a subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, así como a práctica totalidade da Corporación Municipal baionesa e outros rexedores da comarca. Tamén unha ampla representación dos pobos irmáns da Real Vila así como representantes de distintas asociacións de Baiona. Os festexos xa comezaron este venres coa apertura do Real Mercado Medieval á primeira hora da mañá e a inauguración de varias exposicións. Tamén houbo misa solemne e comezaron a funcionar os campamentos que recrean a Baiona do ano 1493, cando a Carabela Pinta chegou coas noticias do Novo Mundo.

El pase de diapositivas requiere JavaScript.