
O Concello de Baiona colabora coa Asociación Benéfico Social de Padres y Amigos La Esperanza del Val Miñor (Centro Juan María) para sufragar parte dos gastos do proxecto “Ocio para todos”. O alcalde, Carlos Gómez Prado, acompañado pola concelleira de Servizos Sociais, Concepción Vara Rodríguez, e Jose Santoro Pumarega, en representación do Centro Juan María, asinaron un convenio de colaboración que permitirá que o alumnado desfrute deste programa que se levará a cabo durante o próximo mes de agosto, do 2 ao 26, e que durante catro semanas ofrece un campamento urbano do que poderán desfrutar 15 persoas por quenda.
A firma deste documento proporcionará ao colectivo o apoio económico e estrutural, para que as persoas beneficiarias do centro poidan levar a cabo, como en veráns anteriores, un servizo de lecer, axudando ao desenvolvemento e integración de persoas con discapacidade intelectual. O alcalde destacou “o labor desta asociación e o compromiso que o Concello de Baiona mostra unha vez máis cunha entidade que desenvolve un gran labor no campo da atención á diversidade funcional”.
A Asociación Benéfico Social é un colectivo de nais, pais e titores de persoas con discapacidade intelectual que traballan desde hai máis de 30 anos para achegar aos fillos ou tutelados o benestar, a protección, educación e os apoios que necesiten para a súa inclusión social e laboral plena na contorna no que viven. Cada día, son 50 os profesionais que axudan a dar cobertura á poboación de Nigrán, Gondomar, Baiona, Vigo e Mos.