A Biblioteca Municipal de Nigrán finalista dos XX Premios COAG de Arquitectura

A Biblioteca de Nigrán é unha das 31 obras seleccionadas como finalistas da XX edición dos Premios COAG de Arquitectura, organizados polo Colexio de Arquitectos de Galicia e que contaron coa candidatura de 224 propostas visadas, executadas e finalizadas no ámbito territorial da entidade colexial entre o 1 de outubro do 2020 e o 30 de setembro do 2022. Tamén son finalistas obras da Coruña, Vigo, Santiago, Coristanco, Oleiros, Cambre, Pontevedra, Outes, Ourense, Ribadeo, Moaña, Cangas, O Rosal, A Pobra e Ribeira.

A decana do Colexio de Arquitectos de Galicia, Elena Ampudia, presidiu o xurado composto polo arquitecto e director da Escola Técnica Superior de Arquitectura da Coruña, Plácido Lizancos; a arquitecta María Soledad Madridejos; o arquitecto Alberto Fernández Veiga; a arquitecta e vogal da Comisión de Cultura do COAG, Emma Noriega; e actuará como secretaria –con voz pero sen voto– a arquitecta e secretaria do COAG, Elvira Carregado. Unha vez analizadas todas as candidaturas, o xurado realizou unha selección previa de 53 obras que estimou que merecían ser consideradas por riba do resto.

Finalmente, o xurado seleccionou como finalistas 31 obras no total das categorías: residencial de nova planta 6 obras (diferenciando entre vivenda unifamiliar, con 4, e vivenda colectiva, con 2); outros edificios de nova planta, 2; obras de restauración e rehabilitación, 5; obras de interiorismo, 4; arquitecturas efémeras e deseño, 3; planeamento urbanístico, 2; deseño de espazos urbanos, xardinaría e paisaxismo, 3; divulgación e investigación, 3; Proxecto Fin de Carreira, 3.

O gran traballo realizado nas obras de rehabilitación e a gran calidade das vivendas unifamiliares foron algunha das conclusións extraídas polo xurado nesta xuntanza para escoller aos finalistas das distincións. Tamén concluíu que nesta vixésima edición dos Premios COAG destaca a participación de mozas e mozos colexiados e, especialmente, a alta participación de mulleres que sobresae moi por enriba con respecto a outros certames arquitectónicos de España, “situando a Galicia no cume da arquitectura de mulleres”.

A Biblioteca Municipal de Nigrán, deseñada por Lucas Gándara Álvarez e Juan Pons Herrera, é unha das finalistas na categoría de outros edificios de nova planta. O edificio ocupa unha parcela municipal de 443 metros cadrados e de forma trapezoidal no centro do municipio (á beira da Estrada pola Vía, á altura do número 118, fronte á rúa do Panasco) nun lugar facilmente accesible para a veciñanza tanto en transporte público como privado. O feito de que se trate dunha parcela con forte desnivel permite que teña dúas entradas, con accesos tanto dende o andar baixo como desde o primeiro, o que favorece unha utilización polivalente das instalacións. Desde o punto de vista urbanístico, a construción xera unha praza cuberta que se abre á praza existente e que supón unha zona previa á entrada polo andar baixo.

Conta con catro alturas, planta irregular, e superficie total construída de 1.260 m2 clasificado coa letra A no seu Certificado de Eficiencia Enerxética (máxima categoría). Trátase, por tanto, dun edificio bioclimático que dispón das últimas tecnoloxías en instalacións para acadar esta sustentabilidade ambiental. Na planta baixa (191 m2) disponse dunha sala de usos múltiples vinculada á praza cuberta adxacente, almacén e aseos; na planta primeira (269 m2) hemeroteca, sala de ordenadores, recepción e zona de préstamo infantil e xuvenil; na segunda (272 m2) zona de préstamo para adultos e na terceira (235m2), zona de estudio que se comunica a dobre altura coa zona de préstamos do nivel inferior. A cuberta está deseñada como unha terraza onde poder desenvolver actos.