O Espazo Hylica de Sabarís presenta a 1ª edición do encontro de artesanía

O Espazo Hylica, dedicado á divulgación de técnicas antigas artesanais, organiza en colaboración coa Fundación Pública Artesanía de Galicia e a Escola Municipal de Artes e oficios de Vigo, a 1ª edición do encontro Menestralía en Hylica do 2 ao 28 de marzo de 2023, enfocado este ano aos oficios artesanais relacionados coa la.

Menestralía en Hylica é un encontro de artesanía, cuxo obxectivo principal é a divulgación da artesanía tradicional enfocada cara a un público que sente curiosidade por descubrir ou volver atoparse co saber- facer dos artesáns, coñecer os seus xestos e a maneira de traballar a materia coas súas mans.

Desenvolveranse varios obradoiros dedicados aos oficios artesáns relacionados coa la, como o traballo do fiado, do tear, as tinguiduras naturais, o feltro, a técnica do tapiz gobelino, ou o bordado con la entre outros.

Dentro do programa con entrada gratuíta previa inscrición, terá lugar na Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo a conferencia: Alfombra nó español, historia, técnica e evolución; impartida por Paula Navas da Real Fábrica de tapices de Madrid.

Todas estas actividades estarán dirixidas ao público interesado na artesanía, que poderá participar calquera fin de semana do mes de marzo, previa inscrición, xa que as prazas son limitadas.

Do luns 27 ao martes 28 dentro do marco dos Días Europeos da Artesanía, A Fundación Pública Artesanía de Galicia, organiza en colaboración co noso espazo, un Curso de Conformado de Chapeus de Feltro enfocado a profesionais do sector impartido por Nina Pawlowsky, Mestra Sombrerera e presidenta da Asociación Española de Sombrerería.

Espazo Hylica situado en Sabarís (Baiona), abriu as súas portas en novembro de 2021. Este espazo é o froito de dous artesáns, Natalia Moreno e Régis Floury recoñecidos pola Fundación Pública Artesanía de Galicia.

É un lugar de estudo e divulgación de técnicas antigas, onde se valora o saber- facer artesanal antigo aberto a todas aquelas persoas interesadas na artesanía feita a man, sen máquinas. Ademais de impartir obradoiros durante todo o ano de carpintería, marquetería, dourado e estampaxe téxtil, cada ano convócase o encontro Menestralía en Hylica onde se acollen artesáns que virán transmitir o seu saber-facer ofrecendo a posibilidade de descubrir os seus oficios.

Régis Floury (Cofundador Espazo Hylica)

Ebanista, restaurador de instrumentos musicais antigos e fabricante de instrumentos tradicionais de corda. Formouse en ebanistería en París e máis tarde licénciase en Restauración e Conservación de Instrumentos Musicais Antigos no Institut National du Patrimoine (París), traballando posteriormente para museos públicos como restaurador. Atraído polas técnicas antigas, trasládase desde Francia, o seu país natal, a Galicia para formarse na construción de instrumentos tradicionais na Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo co mestre luthier Xaime Rivas.

Actualmente dedícase á construción e restauración de instrumentos de corda no seu obradoiro de Sabarís (Baiona). É membro da Fundación Pública Artesanía de Galicia, da Societé Française du luth, España Artesá e da prestixiosa guía de artesáns Homo Faber creada pola Michelangelo Foundation, onde se reúnen os artesáns de excelencia de toda Europa.

Natalia Moreno (Cofundadora Espazo Hylica)

Deseñadora de estampados e artesá téxtil. Cursou os seus estudos de restauración de pintura, dourado e policromía no Istituto per l’arte e il Restauro (Florencia) traballando posteriormente para diferentes anticuarios e museos en Italia e Madrid. Anos máis tarde, cursa estudos de deseño de moda e estampaxe no Istituto Europeo dei Desing (Madrid).

Comeza a traballar como deseñadora en Madrid para o deseñador David Delfín e máis tarde para a firma de complementos Isabel Sartorius. Desde hai máis de 15 anos abriu o seu propio estudo de deseño traballando para grandes marcas e empresas como como Zara Kids, Tintoretto, Hoss intropia, Springfield, El Corte Inglés e Fundación Juan March.

Anos máis tarde trasládase a Vigo, a súa cidade natal para formarse na técnica da serigrafía na Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo e desde entón desde o seu estudo/taller en Sabarís (Baiona) deseña e estampa con técnicas artesanais tecidos e obxectos decorativos. É membro da Fundación Pública Artesanía de Galicia.

Programa Menestralía en Hylica

Xoves 2 de marzo
Conferencia: Alfombra nó español: Historia, técnica e evolución
Relatora: Paula Navas, Real Fábrica de Tapices de Madrid
Horario: 19.30h/20.30h
Lugar: Escola Municipal de Artes e Oficios, Vigo

OS OBRADOIROS DESENVOLVERANSE EN ESPAZO HYLICA (SABARÍS, BAIONA)

Sábado 4 de marzo
Obradoiro de fiado tradicional, Lola Logaro, Hilokune
Horario: mañá 10.00h/14.00h (4h)

Obradoiro de tinguiduras naturais, Moeki Yamada
Horario: tarde16.00h/20.00h (4h)

Domingo 5 de marzo
Obradoiro de feltro, Beatriz Iglesias, Alpacas Bolboreta
Horario: 10.00h/14.00h (4h)

Sábado 11 de marzo
Obradoiro de tapiz gobelino, Fina Sedes e Xavier Rodríguez, Tapices Galicia
Horario:10.00h/14.00h – 16.00h/19.00h (7h)

Domingo 12 de marzo
Obradoiro de iniciación ao tear de baixo lizo, Ana Castro Barja
Horario:10.00h/14.00h – 16.00h /20.00h (8h)

Sábado 18 de marzo
Obradoiro de tricot, Lola Logaro, Hilokune
Horario: mañá 10.00h/14.00h (4h)

Obradoiro de bordado en relevo, Minia Banet, Variado
Horario: tarde 16.00h/20.00h (4h)

Domingo 19 de marzo
Obradoiro de macramé xeometría e cor, Ana Loredo, Nai Deseños
Horario: mañá 10.00h/14.00h (4h)

Obradoiro de iniciación ao tear de alto lizo, Belategui Regueiro
Horario: tarde 16.00h/20.00h (4h)

Sábado 25 de marzo
Obradoiro de Gorullo, Miriam Fernández, Fusaiola
Horario: 10.00h/14.00h – 16.00h/20.00h (8h)

Luns 27 e martes 28 de marzo
Curso para profesionais: Conformado de chapeus de feltro, Nina Pawlowsky Mestra sombrereira e presidenta da Asociación Española de Sombrerería.
Horario: 10.00h/14.00h – 16.00h/20.00h (16h)+