
O Concello de Nigrán conta desde hoxe coa súa propia marca de moda “Nigrán” grazas a firma “JuanMariaByLolola”, o proxecto de formación dual nado no 2019 froito da colaboración entre a deseñadora Lola Rande e o Centro de Educación Especial Juan María (Parada-Nigrán). Camisetas, tote-bags de algodón, gorras, chaveiros e incluso cuncas con ilustracións propias compoñen esta primeira colección personalizada na que a palabra “Nigrán” (colección “Logo”) é a protagonista, xunto ao hashtag #Paraiso (colección “Paraíso”) ou ben a través da estética surfeira tan propia de Patos (colección “Furgo”). Os artigos destas tres liñas están á venda xa na recentemente inaugurada caseta do mercado multicultural de Praia América (durante todo o verán de 18:00 a 21:00 horas), na caseta da Alameda de A Ramallosa (os dous puntos de venda facilitados desde o Concello) e na tenda do Centro Comercial Plaza E de Vigo ou a través da web www.juanmariabylolola.com/tienda.
“Esta moda inclusiva é un orgullo para o noso municipio porque representa ese ‘Nigrán para todos’ polo que apostamos desde o goberno, non podemos ter mellor produto promocional que este e estamos encantados de poder cederlles dous puntos de venda en Nigrán”, destacou o alcalde, Juan González, durante a presentación da colección esta mañá no espazo municipal de Gaifar.
Esta é o primeiro encargo personalizado que realiza “JuanMariaBylolola”, estando abertos a colaborar en calquera outra proposta que xurda en calquera ámbito, privado ou público. Anteriormente presentaron a súa primeira colección “Estrellas para todos” (2019) e “Surfeando Estrellas” (2020). “Esta trátase dunha colección personalizada 100% para este Concello e cremos que vai ter moito tirón entre os turistas e tamén entre a propia veciñanza”, indica Lola Rande, quen lidera o traballo dos dez alumnos-traballadores con diversidade funcional do CEE Juan María, o equipo decide e realiza desde o deseño ata a comercialización, ata a venda directa e atención ao público. “Isto cambioulles a vida a estes rapaces, eles se ocupan de todo, van solos cada día a Vigo a atender a tenda en Plaza Elípitica e os postos de Nigrán, desde que a abren ata que a pechan están eles á fronte, gañaron moitísima autonomía e seguridade e reciben o seu salario”, explican desde o Centro.
“O noso proxecto nace en 2019 coa vocación de ofrecer oportunidades laborais reais ás persoas con discapacidade. Co método de ‘aprender facendo’ empezan a traballar desde o primeiro momento mentres se seguen formando.O día a día ensínanos a ver a vida cunha mirada diferente. Descubrimos que isto non vai de inclusión, isto vai de persoas que constrúen o seu futuro co seu esforzo. Isto vai de demostrar que querer é poder, que non hai nada que nos pare se seguimos adiante cada vez que caemos. Isto vai de persoas, de persoas únicas e especiais, como nos gusta a todos sentirnos”, resumen.