O baionés Antón Iglesias convocado coa Selección Galega de fútbol

Seguen preparando unha cita histórica. A Selección Galega que participará na fase final da Copa das Rexións UEFA volverá vestirse de curto a próxima semana. Farao o próximo martes 28 de febreiro para disputar o primeiro amigable do ano ante o CD Estradense no Novo Municipal da Estrada. A cita, a partir das 20 horas. O combinado que prepara Iván Cancela afrontará a primeira proba amigable para continuar coa súa preparación para a gran cita que terá lugar o próximo mes de xuño en Galicia tras a brillante clasificación que rubricou na fase intermedia. Para este encontro amigable ante o CD Estradense, Iván Cancela citou a un total de 22 futbolistas, entre os que está novamente o baionés Antón Iglesias Leyenda “Kopa”, xogador do CD Choco.

Os aspirantes ao título

Galicia xa coñece aos seus posibles rivais nesta fase final da Copa das Rexións UEFA que terá lugar en Galicia. Lisboa foi a última selección en asinar o billete para loitar polo título tras liderar o seu grupo no que tamén estaban “Kolos” Cherven (BLR), Tampere (FIN) e o Kayseri turco. Así, a Selección Galega, clasificada o pasado mes de outubro tras superar a Pest (Hungría), Ginebra (Suiza) e Ljubljana (Eslovenia) en Galicia, terá como posibles rivais, ademais de Lisboa, a Bavaria (Alemania), Belgrado (Serbia), Dolny Śląsk (Polonia, vixente campión), República de Irlanda, Zenica-Doboj (Bosnia-Herzegovina) ou Zlín (República Checa).

Esta fase final terá lugar o próximo mes de xuño. A última parte do torneo dividirá aos oito clasificados en dous grupos de catro seleccións. As campioas dos mesmos xogarán a gran final da Copa das Rexións UEFA.