O PP rexeita suprimir o cátering das escolas de Nigrán e empregar a cociña do CEIP Humberto Juanes

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // Fotografía de familia con pais e algúns dos alumnos portando unha pancarta reivindicativa.

A parlamentaria socialista Leticia Gallego reclamoulle á Xunta que substitúa o cátering das escolas de Nigrán por comida elaborada na cociña propia dispoñible no CEIP Humberto Juanes, capacitada para abastecer a mil rapaces e rapazas. Gallego presentou esta proposta na Comisión de Educación do Parlamento deste venres, pero foi rexeitada polo PP, que pretendía “escorrer o vulto” e derivar no Concello unha xestión que é obriga da Xunta.

A responsable socialista trasladou a proposta feita polas ANPAS do CEIP da Cruz, Mallón, Carlos Casares, Humberto Juanes e Terra de Turonio, que levan agardando dende xuño do ano pasado por unha xuntanza que a Consellería de Educación lles está a negar. Gallego lembra que este curso finaliza a concesión do cátering do centro, e reclama que o goberno galego inclúa o uso desta cociña nos novos pregos do contrato, que serán publicados no mes de marzo.

Reclamou “humanizar un servizo que a día hoxe está deshumanizado”, empregando produtos frescos e materias primas do comercio local, impensables nun cátering elaborado a 100 quilómetros de distancia. Relatou a “pésima” calidade dos alimentos que reportan as ANPAS, con sopa para celíacos conxelada, insuficiente cantidade, vaixela sucia, pan mal envasado, cremas líquidas, lentellas ou tortilla queimadas e pastas e arroces pasados ou crús, coma o polo.

Sinalou que “esta grave situación afecta aos nenos e nenas e impacta directamente sobre a súa saúde”, polo que “debe ser corrixida”, para o que “é preciso que a Xunta de Galicia deixe de primar o criterio económico sobre o da calidade alimentaria” para ofrecer uns menús escolares “correctos e saudables”.

Advertiu que a resposta a este problema é “unha cuestión de vontade política”, por canto “se este goberno do PP tivera vontade política arranxarían o problema e chamarían ao alcalde de Nigrán para sentarse a falar con el”. Gallego urxiu ao goberno galego a manter de inmediato a xuntanza solicitada polas ANPAS dos centros, e auditar o servizo de cátering, para “comprobar o funcionamento da adxudicataria e tomar medidas urxentes”.

Uso partidista

Leticia Gallego denunciou o “uso partidista” desta situación por parte do goberno galego, que no canto de empregar o diálogo cos alcaldes e alcaldesas, así como coas ANPAS, o que fai é “falar tan só coa candidata do PP”, que “é a que fai anuncios no nome da Consellería de Educación”. Esixiulle á Xunta que “deixen de traballar como plataforma electoral dos seus candidatos”, e cambien esa xestión “vergoñenta” pola xestión eficaz das súas competencias.