
O alcalde e candidato socialista á alcaldía de Baiona, Carlos Gómez Prado, destaca que “pechamos o mandato municipal cumprindo un dos nosos obxectivos prioritarios en 2019: que a vila tivese un calendario cultural e de ocio desestacionalizado durante os doce meses do ano”. Consciente da importancia do sector servizos e o turismo para a economía local, o goberno socialista traballou este mandato para “dinamizar a vila durante todo o ano, en estreita colaboración con ACEBA, os empresarios e comerciantes locais”, engade Gómez Prado.
Para acadar este obxectivo, o concello impulsou estes catro anos novas actividades como o Festival La Recta, o Festival Poético e a chegada de congresos en outono como o Blue Atlantic Fórum (BAF), ampliando ademais a duración das programacións de Nadal ou verán. Este ano 2023, tras unha programación de Nadal de cinco semanas, as actividades de Entroido se adiantaron e se prolongarán ata finais de febreiro, mentres que no mes de marzo Baiona celebrará a Arribada.
“Quixemos tamén impulsar a Semana Santa e este ano 2023 será de novo un éxito, colaborando e agradecendo o traballo da Irmandade da Santa Casa”, explica o alcalde e candidato socialista. O Concello considera tamén moi importantes as romarías e as citas máis vinculadas co folclore local, polo que asinou numerosos convenios de colaboración con entidades do tecido asociativo de Baiona.
Este completo calendario cultural e de ocio, xunto á diversificación da tempada turística, deu os seus froitos no 2022, xa superadas as restricións da pandemia de coronavirus. A vila pechou o ano con datos históricos de ocupación, que superou o 80% no período de maio a setembro. “O mellor de todo é que aínda queda moito por facer, hai potencial de mellora e temos moitas iniciativas en mente para consolidar Baiona como referencia de ocio e turística durante os doce meses do ano”, remata Carlos Gómez Prado.