O coro “I Bimbi Appassionati” convoca casting en Nigrán

O coro infantil e xuvenil “I Bimbi Appassionati” convoca este sábado 25 de setembro un casting de novas voces ás 10:00 da mañá no CEIP Humberto Juanes de Nigrán e ás 17:00 horas na igrexa dos Xesuítas de Vigo. Os interesados deben enviar un email a corogliappassionati@gmail.com ou ben presentarse o día do casting no lugar que máis lle conveña.

“I Bimbi Appassionati” nace en xaneiro de 2018 da man da mezzosoprano Nuria Lorenzo. É a canteira infantil e xuvenil do coro Gli Appassionati (con 12 premios nacionais e internacionais, considerado un dos mellores coros de España) e estase a organizar para crear unha formación vocal de gran calidade ao igual que o fixeron os seus irmáns maiores.

O Bimbi é unha formación integrada por nenos de entre 8 e 16 anos (sección infantil) e a partires dos 16 (sección xuvenil), “apaixonados” polo canto e a música en xeral que os define como grupo. Antes da pandemia contaba con 32 coristas e despois de ano e medio sen volver xuntarse e facer o que máis lles gusta, que é cantar, queren retomar a súa actividade e incrementar o número de cantantes para afrontar retos moi interesantes (formación vocal, concertos, viaxes, etc).

A pesar da súa curta andaina xa deron diversos concertos a capella, acompañados de piano e se estrearon con ópera acompañados da Orquestra Talenta no auditorio de Ourense. No 2019, ademais de numerosos concertos na provincia de Pontevedra, viaxan a Barcelona e cantan na Sagrada Familia e Mosteiro de Montserrat xunto a súa escolanía (unha das escolanías máis importantes de Europa) acadando un gran éxito, de feito, foron convidados a participar nun concurso internacional que se celebraba en Moldavia ao ano seguinte. Por mor da COVID, este certame celebrouse vía online e os nenos acadaron o primeiro premio (Diploma de Ouro).

O coro trata de ofrecer unha labor didáctica e moi completa de forma que os nenos ademais de recibir clases de canto, respiración, colocación do son, dicción, etc, desfruten da música e sobre todo do traballo en equipo e ao mesmo tempo que os resultados desta tarefa poidan chegar a todos os públicos. Falamos de facer unha programación interdisplinar xa que nunha obra poderán traballar diferentes materias coma a música, o canto, a literatura, poesía, historia e outras disciplinas como a danza, o mundo audiovisual, escenografía, etc.

A participación neste coro ten un custe de 20 euros ao mes. Os ensaios son de hora e media á semana. Esta cota destínase a pagar ao profesorado de técnica vocal, pianistas acompañantes nas actuacións e ensaios previos, seguros dos nenos, partituras, etc. Para máis información poden entrar na páxina web http://corogliappassionati.com/ e pinchar na pestana de I Bimbi.