
O Concello de Nigrán solicitará ao Consorcio Galego de Igualdade e Benestar a modificación do convenio de colaboración do programa “Xantar na casa” para poder volver a duplicar o número de usuarios, o que permitirá pasar dos 20 actuais a 40 nestes dous anos que leva operativo en Nigrán, sendo o único municipio do Val Miñor en contar con este servizo.
“Está funcionando moi ben porque este apoio garante ás persoas dependentes e que viven soas unha alimentación saudable e unha maior autonomía persoal. Temos solicitudes fundamentalmente de xente maior pero tamén de persoas con diferentes discapacidades”, explica o alcalde, Juan González, quen encadra esta iniciativa no programa de goberno municipal “Un Nigrán para todos”. “Hai que destacar que facilita tamén a conciliación das familias coidadoras”, resume o rexedor, quen avanza que pedirá ampliar o convenio “as veces que faga falla con tal de non deixar a ningún beneficiario só”.
“Xantar na Casa” consiste en que un día á semana o usuario recibe no seu propio domicilio 7 bandexas cos menús correspondentes listos para quecer no microondas e con todas as garantías sanitarias (inclúen pan, primeiro prato, segundo e sobremesa), tendo un custe simbólico para o beneficiario de 1,76 € por menú (Concello e Xunta aportan o resto ata 6,60 €). Así, está destinado a maiores de 60 anos e tamén a dependentes ou en risco de exclusión social e é complementario con outros servizos como o de “Axuda a Domicilio”. Ademais, ao comezo compróbase que as persoas beneficiarias dispoñan de microondas, frigorífico, enxoval e calquera elemento preciso para a preparación e inxesta dos xantares porque, no caso de carecer deles, póñense á súa disposición en réxime de depósito.
“Moitos maiores que viven sós, especialmente do rural, non teñen a capacidade de ir a mercar os alimentos e poñerse despois a cociñar e, ademais, desexan manter a independencia de vivir nos seus propios fogares, este programa está a demostrar que é dunha gran axuda”, engade Bibiana Peixoto, edil de Asuntos Sociais, quen subliña ademais o escasísimo custe económico que supón para o beneficiario.
Os menús son completos e equilibrados, correctamente condimentados e cunha boa presentación, variados e adaptables ás necesidades das persoas beneficiarias, os seus gustos e hábitos, así como á gastronomía local e á época do ano (trátase dunha dieta basal de 630-840 Kcal., o que supón o 35% do volume enerxético diario total, que no caso dos anciáns oscila entre 1.800 e 2.400 Kcal). Desde “Xantar na Casa” procuran especialmente o uso de produtos de orixe, elaboración ou transformación galega .
Desde unha perspectiva integral, “Xantar na Casa” pode complementar ao servizo de axuda o fogar permitindo manter ao máximo a propia capacidade de independencia e autonomía e posibilitando a permanencia nos seus propios fogares nunhas condicións aceptables, evitando o desarraigo ou retardando posibles institucionalizacións.