
O Obradoiro de Emprego “Valmiemprega Xove” ofrece os vindeiros días 14 e 17 de marzo dúas actividades gratuítas, unha charla e un percorrido por Baiona, en colaboración coa Concellería de Turismo de Baiona.
Ditas actividades serán realizadas por alumnos da especialidade de promoción turística que se cursa neste Obradoiro. O martes día 14 de marzo terá lugar ás 20:00 horas, no Museo Casa da Navegación, a charla divulgativa “Percorrendo o Val Miñor”, dirixida ao tecido asociativo local e aberta a toda a veciñanza, co obxectivo de difundir unha imaxe conxunta dos valores patrimoniais e dos recursos e potencialidades coas que conta a comarca miñorana.
O venres 17 de marzo terá lugar pola tarde o percorrido guiado pola “Fachada marítima de Baiona”, actividade aberta a toda a cidadanía na que se mostrarán os diferentes atractivos deste lugar e no que se abordará a relación desta vila co mar.
O lugar e hora de encontro para a visita guiada será a Oficina de Turismo de Baiona ás 16:30 horas. Estímase que o itinerario terá unha duración de aproximadamente dúas horas. Para participar neste percorrido guiado, de carácter gratuíto, os interesados deben apuntarse previamente chamando ao teléfono da oficina de turismo 986 68 70 67 ou mediante e-mail a oficinadeturismo@baiona.org.