
Gondomar celebrou este domingo un dos días fortes deste Entroido 2023 co Desfile de Comparsas, no que máis de 1.000 persoas desfilaron polas rúas da vila. Como na edición anterior, o desfile de Entroido non contou con concurso como tal, polo que todos os participantes levaron unha contía económica. Tras o pregón, que correu a cargo de Javier Casellas, actor de cine local e prenomeado aos Premios Goya como mellor actor revelación no ano 2022, as 16 agrupacións participantes percorreron como é habitual as rúas Eduardo Iglesias e Ángel Urzáiz, pasando pola Praza Paradela para finalizar na Avda. Conde de Gondomar, ante os milleiros de persoas congregadas ao seu paso.
Abriu o desfile a Agrupación J. Luis Gameiro con “Os Gondomeiros”. Despois o Centro Cultural Parada do Miñor con “Xeada en Parada”; Políticamente Incorrectos de Couso con “O Valhalla pode esperar”; O Millor de Casa Casa de Vincios con “A maxia do cine”; a Asociación de Veciños Nosa Terra de Pereiras con “Pueblo Paleta”; LDanzia de Gondomar con “Moulin Rouge”; o Centro Social, Cultural e Recreativo de Beade con “De Beade a Buckingham”; Os da Casa de Vigo con “O mundo máxico”; a Asociación Centro Cultural de Baíña con “Rock in Baíña”, a Asociación de Veciños Galiñeiro de Vincios con “Vinciocas na matanza do porco”; o Club Vigo 100×100 con “Hércules”, a Asociación Paradela de Gondomar con “Grease”; a Asociación Cultural de Valladares con “Valla-Space”; Revolución Show de Tomiño con “Carrusel”; o Centro Cultural A Merced de Chaín con “Grease”; e finalmente, a Asociación Carnavales de Mañufe con “Unha comparsa pouco corrente”. A xornada rematou cun concerto a cargo do Trío Azar na Praza Paradela.
A festa continuará o luns 20 e trasladarase á Praza Rosalía de Castro, onde terá lugar un Desfile Infantil de Disfraces con premios para os participantes e animación a cargo de +quebrincos. Outra das novidades deste Entroido con respecto a anos anteriores, terá lugar o martes 21 coa celebración dunha Gran Verbena na Praza de San Bieito. A partir das 22:00 horas se bailará ao ritmo da Orquestra La Fórmula, que realizará dous pases. No medio deles se procederá á Queima do Meco e á lectura do seu obituario.