A Triple Corona Illas Atlánticas abre o prazo de inscrición para a súa primeira proba, entre as Cíes e Baiona

A organización da proba de natación de ultrafondo La Triple Corona Illas Atlánticas abrirá o vindeiro luns 4 de abril o prazo de inscrición para a primeira competición da terceira edición, que se disputará entre as illas Cíes e Baiona, cunha distancia de 15 km, o 10 de setembro de 2022.

En total haberá 160 prazas dispoñibles e as inscricións poderán realizarse a través da páxina web http://www.championchipnorte.com ata completar as prazas. A travesía a nado sairá o sábado 10 de setembro desde a praia de Rodas nas illas Cíes, atravesará as tres illas do arquipélago, as illas Estelas, percorrendo toda a baía de Baiona ata chegar á praia da Ribeira, en Baiona, onde estará situada a meta. No caso de que non se puidese saír desde as illas Cíes por condicións meteorolóxicas adversas, a organización conta cun percorrido alternativo de 15 km con saída e chegada en Baiona.

A terceira edición da Triple Corona Illas Atlánticas incluirá varias novidades respecto a edicións anteriores como a obrigatoriedade do uso da boia para todos os participantes e a incorporación do sistema de localización por GPS, que permitirá coñecer a posición de cada nadador e o seguimento da proba a través de Internet. Ademais, a organización deixará participar sen neopreno a condición de que o participante presente un currículo deportivo no que demostre ter ampla experiencia en nadar probas de longa distancia sen neopreno e a temperatura da auga o día da proba non sexa inferior a 17º, nese caso o neopreno será obrigatorio.

57 km en tres anos

A terceira edición da Triple Corona Illas Atlánticas é un reto de carácter competitivo, que consiste en tres probas de natación de ultrafondo cun percorrido total de 57 quilómetros e disputaranse entre 2022 e 2024 en augas das Rías Baixas galegas.

A Triple Corona Illas Atlánticas, 57km a nado, consta de tres travesías a nado de 15, 19 e 23 km de distancia -esta última unha das máis longas de España-, que se celebrarán nas rías de Vigo, Arousa e Pontevedra entre 2022 e 2024. Cada unha das tres travesías sairá dunha illa do Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia: Cíes, Sálvora e Ons, respectivamente.

A primeira das tres probas da terceira edición, de 15 km, terá lugar o 10 de setembro entre as illas Cíes e Baiona con 160 participantes de toda España e estranxeiro. A segunda, en 2019, terá como punto de partida a praia do Almacén, na illa de Sálvora, e de chegada, a praia de Coroso, en Ribeira, con 19 km de percorrido. A última, a máis longa con 23 km, arrancará da illa de Ons e terminará en Combarro (Poio), pasando pola illa de Tambo en 2024. En total, os participantes percorrerán a nado 57 km nas tres Rías Baixas galegas.

Os obxectivos deste reto son poñer en valor a riqueza natural das Illas Atlánticas de Galicia, promocionar as Rías Baixas e consolidar este desafío deportivo como unha das probas de natación de referencia en España e Europa. Paralelamente a cada unha das probas celebraranse distintas actividades como visitas guiadas ás illas do Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia e un concurso fotográfico para escoller as tres mellores imaxes de cada un dos tres arquipélagos.

Neste sentido, a delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Marta Fernández-Tapias, destaca que a proba “é un gran reto de carácter competitivo co que se pon en valor a riqueza ambiental e paisaxística das augas das Rías Baixas, así como os tesouros do Parque Nacional”. Ademais, resalta que este evento deportivo consolidouse como “unha das citas máis importantes a nivel nacional e no estranxeiro dentro do calendario de natación de augas abertas”.

No caso da edición de 2022, a organización fará de novo unha homenaxe á Arribada da carabela Pinta á praia baionesa de Ribeira con motivo do 529 aniversario da chegada de Martín Alonso Pinzón e os seus tripulantes coa noticia do descubrimento de América en 1493. Esta proba xa se celebrou en 2016 e 2018 cun gran éxito de participación.

Edicións anteriores

Na primeira edición da Triple Corona Illas Atlánticas, celebrada entre 2015-2017, participaron un total de 146 nadadores de distintos puntos de España, Portugal e Arxentina. Durante tres anos, 54 nadadores (51 homes e 3 mulleres) completaron as tres probas e sumaron 57 km nas tres competicións. O nadador portugués Hugo Ribeiro e a madrileña Rebeca Santos foron os gañadores da primeira edición nas súas respectivas categorías.

Na segunda edición, disputada entre 2018-2021, participaron 191 nadadores de España, Portugal, Italia, Venezuela, Francia, Guinea Ecuatorial, Arxentina, México e Australia. Finalizaron as tres probas 78 nadadores (63 homes e 15 mulleres). O galego Alberto Taboada e a biscaíña Andrea de la Hera proclamáronse gañadores na categoría masculina e feminina, respectivamente.

O perfil medio do nadador é o dun experimentado deportista que está afeito nadar travesías de longa distancia (máis de 10 km), e que conta cun excelente estado físico e forza mental para afrontar un reto destas características. Vento en contra, correntes, ondada, baixas temperaturas na auga e a dureza do océano aberto serán algúns dos elementos adversos aos que terán que enfrontarse os participantes en cada travesía.

Inscrición

A inscrición inclúe a participación na travesía, traslado en barco desde Baiona ás illas Cíes, camiseta conmemorativa, gorro e bolsa, cronometraxe electrónica por chip, dispositivo de localización por GPS, avituallamento sólido e líquido durante e despois da proba, seguro de responsabilidade civil e de accidentes, atención médica, cea, fotografías e vídeo, agasallo conmemorativo para os nadadores que logren finalizar a proba, embarcacións e kaiaks de apoio, premios para os tres primeiros clasificados na categoría masculina e feminina con e sen neopreno e participación no sorteo de agasallos, entre outros.

A proba está organizada por Atlantic Extreme Sports e conta co patrocinio da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Abanca, Deputación de Pontevedra, M+Q España, Gadis, Zoggs, Móbil Auto Concesionarios e Arraianos Produccións. Colaboran o Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia, Concello de Baiona, Monte Real Club de Yates de Baiona, Iberia, Powerade, Frutas Sol, Parador de Turismo de Baiona, Asociación Vodea, Asociación Búsqueda y Salvamento de Galicia, Piratas de Nabia, Ediciones Belagua, Ángel Leirós Motos e Yamaha, Clubnatacion.com, AGAMA, Protección Civil de Vigo e O Val Miñor, entre outros.