Concello de Nigrán e ANPAS unen forzas para esixir á Xunta o uso da cociña do CEIP Humberto Juanes

O goberno de Nigrán participou na mañá deste venres na primeira concentración das ANPAS do municipio na Praza do Concello para esixir á Xunta que no vindeiro curso o cátering adxudicatario teña a obriga de empregar a cociña escolar municipal construída polo Concello no CEIP Humberto Juanes para dar servizo a todos os colexios da localidade. Ante esta circunstancia, o goberno de Nigrán secunda esta mobilización iniciada desde o CEIP Humberto Juanes e se sumará a todas as vindeiras que se convoquen co obxectivo de que os pregos de licitación da Consellería de Educación (que se publicarán previsiblemente en marzo) inclúan unha cláusula obrigando á empresa adxudicataria a usar esta instalación na que o Concello investiu preto de 400.000 €.

“O Concello pon a saúde dos nenos por riba dos intereses empresariais. Non temos ningunha contestación da Xunta aos nosos escritos pero non nos imos cruzar de brazos”, advirte o alcalde, Juan González, en referencia á petición oficial enviada o 8 de agosto de 2022 ao presidente Alfonso Rueda e á Consellería de Educación e na que se urxía a que empregasen esta instalación habilitada polo Concello de Nigrán no CEIP Humberto Juanes o curso pasado cun investimento de 373.878 €. Esta cociña, de 490 metros cadrados, foi dimensionada para dar resposta a todos os centros educativos de Nigrán que o desexen, cunha capacidade para abastecer ata 1.000 nenos (os colexios da localidade teñen actualmente asignados a metade de comensais).

“A situación actual é insostible, as queixas do alumnado pola calidade do servizo aumentaron exponencialmente xa desde o curso pasado, polo que os vindeiros pregos de licitación non poden obviar o uso desta instalación de xeito obrigatorio”, advirte o alcalde, Juan González, quen insiste en que non está a pedir ningunha idea nova “e non é xusto discriminar ao alumnado da ensinanza pública” (no CEE de Panxón cocíñase tamén para o CPI Arquitecto Palacios e para a EI “As Dunas”, constatándose que a calidade é moi superior á dos demais colexios que se nutren mediante o sistema de cátering tradicional).

“O propósito é a mellora do servizo cun cambio substancial en todos os aspectos: calidade, cantidade e adecuación nutricional, e por iso construímos esta cociña do CEIP Humberto Juanes, que pode humanizar un servizo que a día de hoxe está deshumanizado e que pode incluír pratos que ata agora non se pode polo transporte (100 km) e polo horario no que se ten que cociñar para que chegue a tempo ao centro”, defende González.

Tanto desde as comunidades educativas como desde o Concello consideran que prescindir do sistema de cátering actual permitiría ter unha alimentación máis saudable porque se contrarrestaría o uso de alimentos ultraprocesados e privilexiaría o uso de produtos frescos e materias primas do comercio local, poderían elaborarse menús máis variados, achegaría aos nenos á cultura do esforzo e traballo ao non separar fisicamente o proceso de elaboración do resultado final e crearía un ambiente máis familiar no centro. Ademais, considérase que permitiría menús máis equilibrados e axustados ao perfil do alumnado, resultando pratos máis atractivos para os cativos. Esta nova cociña ocupa 490 metros cadrados dunha antiga zona de almacén e de aulas e conta cun equipamento acorde ás demandas actuais.